Rueda advirte dun cambio nas axudas sociais : "Hai moitas necesidades e van vir máis"

Confirma 7,2 millóns pero para entidades sociais e benéficas tras as críticas da oposición por suprimir a Tarxeta Básica de axuda social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2022 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Consello deste xoves aprobará un total de 7,2 millóns de euros para entidades sociais, co fin de reforzar comedores sociais, albergues ou a integración laboral. Así, no pleno autonómico e en resposta ás reclamacións dos grupos da oposición para que "rectifique" e recupere a Tarxeta Básica, o mandatario autonómico defendeu que as axudas "evolucionen cara a outras necesidades", que "hai moitas e van vir máis".

A sesión de control ao Goberno desta semana, a última ordinaria deste período de sesións, estivo marcada polas preguntas de BNG e PSdeG para preguntar que medidas "vai adoptar" a Xunta para superar a crise de prezos que levan a Galicia a liderar a inflación nun contexto nacional e internacional de subida disparada de prezos.

O portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, foi incisivo ao reclamar "que medidas vai adoptar". "Non anunciar, nin suprimir, senón adoptar para os sectores máis desfavorecidos da comunidade", recalcou o dirixente socialista, quen lle pediu manter a Tarxeta Básica asegurando, facendo uso dunha lema do propio PP --como el dixo--, que a Xunta "acerta cando rectifica".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a acusar á Xunta de situarse "de perfil" ante a crise de prezos, algo que atribuíu a que "canto peor, mellor". "Canto peor para a maioría dos galegos, cando máis suba a luz, mellor para o PP; canto máis suba o litro de gasolina, mellor para o PP; canto máis o incremento da cesta da compra, mellor para o PP", acusou Pontón.

Rueda replicou ao BNG que está instalado no "catastrofismo" e asegurou que non "vai caer no erro", "como Sánchez", de dicir que "Galicia vai ben" e de que "todo é culpa da oposición", pero esgrimiu que Galicia conta cos mellores datos de paro da historia dun mes de xuño e a situación financeira galega como clave --neste caso-- "liquidar mellor" os problemas dos cidadáns.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno da Xunta no pleno do 13 de xullo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno da Xunta no pleno do 13 de xullo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta