Case o 5% das prazas das oposicións de educación xa fican desertas tras a primeira proba

A CIG-Ensino amosa a súa "preocupación" por unha tendencia á alza na "criba" das oposicións.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

Do total das 2.184 prazas convocadas para ingreso nos corpos docentes (entre prazas da quenda libre e de persoas con discapacidade), xa existen nestes momentos 104 prazas que quedan desertas. A cifra supón que o 4,76% do total das prazas non serán adxudicadas. "É un motivo de preocupación que xa levamos denunciando nestes últimos anos como unha tendencia que agora se confirma neste novo proceso selectivo", denuncia CIG-Ensino.

Participantes nas probas de oposicións no recinto feiral de Silleda. XUNTA - Arquivo
Participantes nas probas de oposicións no recinto feiral de Silleda. XUNTA - Arquivo

As prazas fican desertas por non teren superado os dous primeiros exames da primeira proba (proba práctica e teórica da especialidade), antes mesmo de chegar á defensa da programación e da unidade didáctica da segunda proba, polo que a cifra total de prazas desertas poderían aumentar, alerta a CIG.

 

Desde o sindicato aseguran que "é difícil de entender unha cifra tan elevada de prazas desertas tan só despois dos dous primeiros exames", e indica que poderían tirarse dúas conclusións destes resultados: que o nivel demostrado nas probas propias das especialidades por unha gran parte do persoal aspirante é moi baixo ,ou que o deseño e criterios dos tribunais non son correctos, "especialmente se temos en conta que unha parte das persoas que se presentan ás oposicións son docentes interinos que levan anos demostrando a súa valía profesional", indica o sindicato.

 

"Como docentes está claro que debemos reflexionar cando un elevado número do noso alumnado suspende a materia que impartimos e así tamén o debemos facer no caso dun proceso selectivo", prosegue nun comunicado. Con todo, sinala que debe ser a administración educativa, última responsable da organización das oposicións, quen tome a iniciativa para "promover que se eviten situacións como as que levamos vendo desde hai anos", sobre todo cando as diferentes partes da fase de oposición xa funcionan como un "filtro difícil de entender", argumenta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta