A Illa da Creba, un pedazo de terra cotizado no medio da ría de Muros

A Plataforma pola recuperación da Illa da Creba realizou unha ocupación simbólica e pacífica deste espazo o pasado 9 de xullo. Antigo terreo en man común da parroquia de Esteiro, no Concello de Muros, segundo a Plataforma, e un terreo mercado no seu momento de maneira legal segundo o actual propietario.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 17/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Rodrigo Molinos, da Plataforma pola Recuperación da Illa da Creba, explica que “esta era unha propiedade en man común da parroquia de Esteiro onde a veciñanza ía coller herba”. Hai un século dúas persoas inscriben a illa como posesión súa no rexistro da propiedade do Concello de Serra de Outes. Unha operación cando menos curiosa, dado que estas persoas eran da parroquia do Freixo, situada no concello onde se fixo o rexistro deste espazo. Esta acción tivo consecuencias ao longo do tempo pois algunhas obras realizadas na Creba fixéronse previos permisos da Serra de Outes cando, segundo os límites municipais, estariamos nun lugar dentro do Concello de Muros.

Illa da Creba despois da reforestación
Illa da Creba despois da reforestación

UNHA HISTORIA CENTENARIA

No rexistro da Serra de Outes realízase en 1922 o rexistro dunha finca rústica que limita co mar ao Norte, Sur, Leste e Oeste. Os beneficiarios son Tomás Canay Pérez e Encarnación Jerpe Cantorna, “ambos os dous pasaban á illa recoller herba”, aínda sendo do Freixo. O gabinete de relacións cos medios da actual familia propietaria das construcións na Creba, aseguran que aqueles primeiros propietarios “eran labregos de Outes que manifestaron seren propietarios desde tempo inmemorial e o Rexistro da Propiedade admitiu isto conforme a legalidade”.

Preguntados se con anterioridade a 1922 existía algún documento que probase a  titularidade antes do ano sinalado, os representantes da familia apuntan que “o rexistro da propiedade é de finais do século XIX, suponse que foi a primeira inscrición (1922) e o 90% das propiedades non estaban rexistradas publicamente pois aínda estaba comezando o rexistro”. Engaden ademais que durante o procedemento “había que redactar un expediente e xustificar a titularidade, facíase exposición pública e non se cuestionou nada”.

En 1942 o xulgado da Serra de Outes declara que a Creba era propiedade en man común da veciñanza de Esteiro, segundo a Plataforma pola Recuperación da Illa da Creba. A representación da familia responde sobre este punto que “descoñecemos absolutamente esta resolución”.

Illa da Creba nos anos 80 (imaxe previa a reforestación)
Illa da Creba nos anos 80 (imaxe previa a reforestación)

OBRAS E LÍMITES

Corenta anos despois comezaron os litixios sobre a propiedade desta illa. O Concello de Muros paraliza unha licenza de obra na Creba. Esta licenza estaba concedida por Serra de Outes en 1981, un ano despois a construción foi autorizada pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña. A Plataforma pola Recuperación da Illa da Creba, sinala que mediante solicitudes industriais, realizáronse obras como instalacións de xeradores eléctricos para instalacións de cría de rodaballo.

Co tempo apareceron novas obras como a creación dun espigón baixo a premisa dunhas novas instalacións para a cría de ameixa. A daquela Consellería de Organización Territorial e Obras Públicas (COTOP) declarou a Creba espazo privado, punto que confrontou a corporación local de Muros daquel tempo e en 1999 Costas denega a construción do espigón (que incluía un peirao e unha rampla), cando este xa estaba finalizado.  En 2002 a Audiencia Nacional desestima o contencioso presentado pola familia que iniciara as obras e logo paralizara o Concello de Muros.

“Todas as obras históricas na illa e edificacions fixéronse e propiedade privada coas correspondentes licenzas urbanísticas e ninguén puxo en dúbida nada. Tentouse poñer en marcha unha explotación de ameixa e rodaballo na zona pública que non prosperaron por seren revocados os permisos”, sinalan os portavoces da familia.

"SITUACIÓN CONFUSA"

A  alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, preguntada sobre a actual situación da illa, avalía a situación como “confusa” e foi por iso “que pedín toda a documentación ao arquivo para estudar este asunto”. Sobre se os límites municipais de Muros inclúen a Creba, Monteagudo sinala que debe estudar toda a información gardada nos arquivos municipais.

Precisamente, a plataforma levou este tema ao pleno municipal. O propio Rodrigo Molinos defendeu a iniciativa apoiada polo BNG pero rexeitada por PSdeG e BNG. Tamén o pasado 6 de xullo o Parlamento Galego recibiu a proposta de debate deste tema, tramitada polo BNG, pero foi rexeitada en comisión.

Sobre este punto, as fontes próximas á familia aseguran que “recentemente aportouse documentación que aclara que a illa está dentro do Concello de Muros, mais até a data a propia administración non o consideraba así”. Sobre as diferentes obras realizadas nos terreos da Creba, os portavoces da familia apuntan primeiro que a superficie “adquiriuse durante os anos 60 e logo nos 80 construíronse as actuais edificacións  sen que ninguén se opuxese a estas iniciativas”.

Dominio público marítimo terrestre Illa da Creba
Dominio público marítimo terrestre Illa da Creba
Illa da Creba
Illa da Creba
Ocupación pacífica da Illa da Creba en Esteiro (Muros)
Ocupación pacífica da Illa da Creba en Esteiro (Muros)
Illa de Creba
Illa de Creba
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta