Por Galicia Confidencial | Verín | 20/07/2022 | Actualizada ás 09:00
Os días 1 e 2 de setembro o Auditorio Municipal de Verín acollerá "Sopa Cómica", unha actividade guiada pola narradora oral Raquel Queizás para que os rapaces e rapazas de Verín e comarca se acheguen ao cinema e desfruten coa súa maxia e poder evocador.
Deste xeito, os máis pequenos poderán visionar os mellores traballos de determinadas figuras da comedia e descubrirán persoeiros enxeñosos como Mabel Normand, Collen Moore, Charles Chaplin, Buster Keaton, Laurel e Hardy (o Gordo e o Fraco) ou os Irmáns Marx, entre outros. Como broche final, os nenos e nenas gozarán cunha selección de curtas escollida pola organización do Festival. “Son curtas que fomentan o respecto polo outro, a liberdade, a paz, a tolerancia e a igualdade”, destaca o director do certame, Carlos Montero.
DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE
Para esta acción proposta polo FIC Vía XIV, prevese dividir á rapazada asistente en dous bloques de idade. Un composto por cativos e cativas de entre 2 e 7 anos (con 40 minutos aproximadamente de sesión) e outro composto por un público infantil de maior idade, de entre 8 e 12 anos (con 50 minutos aproximadamente por sesión). Dentro de cada un dos bloques de idade, os nenos e nenas poderán participar nunha votación popular infantil na que elixirán a mellor curtametraxe das visionadas, que se premiará con 100 euros. A actividade está respaldada pola Asociación de Empresarios de Verín (AEVER).
O FIC Vía XIV contará coa implicación das ludotecas municipais da comarca na posta en marcha desta actividade, así como coa de diferentes colectivos sen ánimo de lucro.
Taméns haberá prazas abertas para o público en xeral, que pode preinscribirse nela a través dun formulario específico habilitado ao respecto na web do certame: www.ficviaxiv.com.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.