Montserrat Díaz, investigadora do CSIC: "Urxe crear montes resistentes ao lume, estamos hipotecando o futuro"

As voces expertas reiteran a importancia de investir en prevención dos incendios forestais e alertan de que, ante o cambio climático e a probable escaseza de auga no futuro, os lumes serán cada vez máis difíciles de extinguir.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A vaga de incendios que afecta Galicia desde o pasado xoves xa levou por diante unhas 30.000 hectáreas. Os dous principais lumes, no Courel e Valdeorras, rexistran unhas cifras históricas por enriba das 10.000 hectáreas cada un. As brigadas que traballan ao pé deles denuncian a dureza das condicións, con xornadas laborais que alcanzan as 16 horas e falta de recusos humanos e materiais. Unha situación que obriga á veciñanza a subir ao monte e enfrontarse ela mesma ao lume. Segundo o último dato achegado pola Xunta, 85 construcións foron afectadas polo lume e centos de persoas tiveron que ser desaloxadas dos seus fogares.

Montserrat Díaz, investigadora do CSIC
Montserrat Díaz, investigadora do CSIC | Fonte: remitida

Que nos espera de aquí en diante? Como xestionar o monte? Canto tardará en recuperarse o queimado? Falamos coa investigadora científica da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e presidenta da sección de bioloxía da Sociedade Española da Ciencia do Solo, Montserrat Díaz. O seu grupo de investigación leva 40 anos traballando na temática da loita integral contra os incendios: prevención, extinción, avaliación de impactos e restauración dos ecosistemas forestais e solos. 

Que podemos agardar do que queda de verán?

Isto acaba de empezar. Sen dúbida, máis incendios, sobre todo tendo en conta que tivemos un inverno e unha primavera con pouca choiva, e agora unha onda de calor que secou moito o solo e a vexetación. As condicións climáticas están favorecendo moito os incendios, máis grandes - de máis de 5.000 hectáreas - e de maior intensidade. Iremos vendo todos os seus efectos, que non só se notan no lugar propio senón tamén a quilómetros de distancia. Entre eles están os directos e visibles - morte de flora e fauna, contaminación do aire, danos humanos e materiais, cambios da paisaxe... - pero tamén outros indirectos ou menos visibles: a degradación do solo, a contaminación das augas superficiais e subterráneas e os danos á nosa economía. Hai que ter en conta que o custo dos incendios do 2006 foron similares aos do Prestige. De feito nós falamos da marea negra dos incendios. 

Estes incendios que estamos vivindo na actualidade teñen algunha característica particular?

Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A superficie arrasada polos principais incendios rexistrados en Galicia xa supera as 9.000 hec. Carlos Castro - Europa Press
Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A superficie arrasada polos principais incendios rexistrados en Galicia xa supera as 9.000 hec. Carlos Castro - Europa Press

Agora prodúcense moitos focos e as temperaturas que se alcanzan son maiores. Xa se fala de lumes de sexta xeración, que son moitísimos máis grandes e moi difíciles de controlar. Estes poderían ter algunha característica destes, pero entran dentro da catalogación de grandes incendios. 

Estes incendios son evitables?

Os que son provocados de forma natural, por exemplo por raios, non; pero a maioría son provocados polo ser humano, xa sexa de forma intencionada ou por neglixencia. Eses si se poderían evitar. Galicia é o lugar onde se producen o 45% dos incendios totais do Estado. A maioría son evitables, e cando teñen lugar, o que si podemos facer é minimizar os danos. Hai que ter en conta que os incendios son recorrentes e os seus efectos acumulativos. En cada incendio perdemos un ou dous centímetros de solo fértil, que xa vemos que cada vez teñen menos profundidade. Pasamos dun solo moi profundo a solos cada vez menos produtivos onde só teremos matogueira, máis adiante solos esqueléticos onde non hai vexetación herbácea e finalmente a perda total. De feito, en Ourense, hai zonas onde agora xa só se ve rocha. O solo é un recurso moi fráxil que tarda millóns de anos en formase e horas en perder un ou dous centímetros; e sen solo non hai vida porque realiza funcións ecosistémicas básicas. A maioría de incendios son evitables, e non só iso, temos que evitalos. 

Que falla logo para que ano tras ano nos atopemos nesta situación?

Penso que hai un problema de comunicación entre científicos e sociedade. Ano tras ano ocorre o mesmo pero parece que só nos alertamos cando hai mortes de persoas ou afectación a casas. Ano tras ano arden os montes, que están formados por solo e vexetación que son fonte de riqueza, e estámolos desforestando, perdendo. Estamos destruindo o noso planeta e o futuro de xeracións vindeiras. Hai que concienciar a toda a sociedade da importancia solo e da necesidade do ecosistema forestal e da súa recuperación.

Falla a xestión dos montes. Cada vez teñen máis vexetación porque se abandona o mundo rural e, polo tanto, prodúcense incendios de maior intensidade e que afectan a maior superficie forestal. Outro factor estrutural depende do tipo de arbore. A composición dos nosos montes fai que sexan moi susceptibles de sufrir lumes porque hai moito eucalipto e pino e non hai discontinuidades con pradeiras e zonas de pastoreo, que funcionan como cortafogos naturais. O factor climático tamén é importante: cada vez hai veráns máis secos e con menos humidade no solo. E á súa vez, os incendios fan que se perda a materia orgánica do solo, esa capa máis escura, que é o almacén da auga. Polo tanto, todo nos leva ao mesmo lugar: a seca. 

Priorízase a extinción sobre a prevención?

Claramente. Vese nos presupostos. Un 23% para prevención, un 64% para extinción, e un 13% para recuperación. Hai que ter en conta que o diñeiro que se inviste en extinción é un diñeiro, coma se dixeramos, perdido. O que hai é que empregar diñeiro para crear montes resistentes, é moito máis barato a curto prazo que investir en prevención e restauración. Urxe abordar a xestión dos montes, pero a Xunta non se atreve. Estamos hipotecando o noso futuro. Hai que adoptar medidas contra o abandono agrario e para ter bosques máis resilientes, unha paisaxe mosaico discontinuo, con autóctonas menos inflamables... E isto hai que traballalo durante todo o ano, non podemos agardar a que veñan os lumes no verán e actuar. Ademais, agora os incendios tamén se producen na primavera e no outono, onde non hai tantos profesionais para combatelos. 

A extinción é moi difícil de abordar. Os incendios poden ocorrer en fortes pendentes de difícil acceso e en moitos casos non se pode facer nada, tan só esperar a que arda todo. A maiores, no futuro próximo temos que pensar que vai xurdir un problema de escaseza de auga, incluso aquí en galicia. Iso dificultará aínda máis a extinción dos incendios. Haino que ter moi en conta. 

Como baixar todas estas solucións a terra? 

Primeiro hai que  perseguir os incendiarios e analizar as súas motivacións. Nisto a concienciacion ambiental é fundamental. Nun dos congresos da rede internacional FuegoRED expúxose o caso de Cataluña, onde a xente que forma parte das comunidades de montes vixía os seus montes na época de incendios, e, se ben evidentemente a responsabilidade de apagar un lume é da administración, facilítaselles incluso unha motobomba fronte a pequenos conatos. A Generalitat dá axudas para que se xestionen os montes. Penso que é importante implicar as comunidades de montes para a xestión. Temos que ter en conta que a maioría dos montes son propiedade privada e isto tamén hai que cuestionalo. 

Canto tarda en recuperarse o monte queimado? Que intervencións sobre esas zonas agora afectadas teñen que facerse de aquí en diante?

O que tarda en recuperarse depende da intensidade do lume, da vexetación, da topografía e das condicións climáticas postincendio. Nunha zona chá onde non hai erosión postincendio, a vexetación herbácea pode tardar un ano, a matogueira de tres a cinco e as árbores dependen da súa idade e do tipo: eucaliptos e pinos de 20 a 40 anos e carballos centos de anos. En caso de pendentes, que son zonas moi susceptibles de sufrir erosión postincendio, tarda dúas ou tres veces máis; e cinco ou incluso vinte veces máis nas zonas con erosión moi forte. Nos casos onde se perdeu todo o solo e só queda rocha a situación é irreversible.

A restauración é moi cara. En zonas non haberá que actuar, e entre as que si, hai que priorizar as suceptibles de erosión e próximas a augas superficiais e mar. Galicia ten un protocolo de actuación elaborado conxuntamente co Centro de Investigación Forestal de Lourizan, a Misión Biolóxica de Galicia e Universidades de Vigo e Santiago pioneiro a nivel estatal neste aspecto de restauración. Seguindo este protocolo, cando veñan as primeiras choivas aplicamos palla. Hai que esperar que se recupere o solo, e logo dar paso á vexetación, e logo ao arborado. Esas árbores hainas que escoller adecuadamente en función do solo, do clima e da zona. Sempre se di que hai que plantar autóctonas, pero hai solos danados onde non medran, por iso hai que adaptarse a cada situación. 

Gustaríame puntualizar que isto me parece unha oportunidade para xestionar e construír bosques resilientes a incendios nesas zonas queimadas. Temos que velo como unha oportunidade para facer as cousas ben. E hai que facelo. Estamos nunha situación de alarma porque cada vez temos menos solos e os que quedan son pouco produtivos. Se non facemos nada, no 2050 non haberá solo suficiente para alimentar as necesidades dunha poboación mundial que está crecendo. Non basta xa con protexer os solos senón que tamén hai que recuperalos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 lad

A Xunta de Rueda é parte culpable polo seu inmovilismo.

1 SenSiglas

Culpábeis somos a maioría dos galegos, por votarlle a esas momias.