O comandante do buque Patiño veta por "sindicalista" a un contramestre na organización dunha homenaxe

O militar recibiu unha chamada para que desistise de participar nos actos do 25 aniversario do buque pola súa actividade no asociacionismo militar.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 21/07/2022 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

O contramaestre do Buque de Aprovisionamiento y Combate Patiño (B.A.C. Patiño), Francisco Maceira denuncia que foi excluído dunha homenaxe organizada pola dotación deste buque para conmemorar en setembro os 25 aniversario deste barco e que consiste nunha visita á nave, unha misa polos defuntos da dotación e unha comida. Para tal fin creouse un grupo de Whatssap no que a tripulación actual e a que estivo en servizo neste buque noutros anos puideran intercambiar opinións.

O buque 'Patiño' da Armada Española á súa chegada a Ferrol tras participar nunha misión da OTAN
O buque 'Patiño' da Armada Española á súa chegada a Ferrol tras participar nunha misión da OTAN

Con todo, e segundo comenta o propio Maceira a Galicia Confidencial, ás poucas horas de ser incluído no grupo de whatsapp  PATIÑO 17 SEP 2022, recibiu  unha chamada desde Escocia.  Un capitán de navío, que se identificou como Verdial, comunicoulle que lle están chegando "informacións negativas" sobre a súa traxectoria militar e que a súa presenza nos actos do 17 de setembro "non era ben recibida" pola antiga xefatura do buque de aprovisionamento. 

Estas Informacións foron corroboradas polo que foi segundo comandante, capitán de navío Luís Sanchez-Feijoo. Segundo relata o propio Maceira o almirante Tafalla Balduz non quere que participe. A opción que lle deron foi darse de baixa voluntariamente. E se non o facía, sería expulsado do grupo. Detrás da decisión está a súa actividade sindicalista na Asociación Unificada de Militares Españoles (AUME).

Non é a primeira vez que Maceira,  ligado a esta asociación desde o seu inicio,  recibe represalias por tentar separar a vida militar da vida civil. Como delegado de AUME en Galicia denunciou  a bochornosa reserva da rúa nº 1 para coroneis e almirantes na piscina de Batallóns de Ferrol.  A "democratización" das instalacións chegaría  tras recibir múltiples coaccións, tres expulsións do recinto e dúas preguntas parlamentarias do Bloque Nacionalista Galego ao Goberno.

UN MILITAR CRÍTICO

Ademais, Maceira participou na retirada  do rueiro do Arsenal Militar de Ferrol de personaxes franquistas.  Tamén pediu a destitución do almirante do Arsenal de Ferrol- Bolívar Piñeiro- pola súa hostilidade cara ao asociacionismo militar e non acudir á inauguración da Praza Contraalmirante Azarola ,o seu homólogo no 36,  que sería  fusilado polos golpistas no cuartel de Dores.

Maceira foi sancionado con doce días de arresto en domicilio por cursar escritos fóra do conduto regulamentario. Arresto que se impuxo tras a publicación en diversos  medios da carta "Liberdade para Jorge Bravo" e que finalmente sería anulado polo Tribunal Militar Territorial  IV da Coruña. Tamén foi condenado a un mes e un día de prisión en Centro Disciplinario Militar por publicar  en prensa a carta "Irregularidades na Armada" para denunciar os abusos que se estaban cometendo no OAP de Ferrol. 

"Este veto, ademais dunha vergoña, é un claro síntoma  de que aínda  queda moito traballo por diante para normalizar a  Armada. En pleno 2022 a algúns lles custa entender que un comandante non é un vicerrei. Nin un buque militar un casarío particular", denuncia Maceira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta