"O sentimento de que a Galiza independente non sería posible non é máis ca autoodio"

Mocidade pola Independência volveu saír ás rúas de Santiago nesta véspera do Día da Patria baixo o lema 'A mocidade galega pasando á ofensiva'. GC conversa con Xurxo Longueira (Longui), membro da coordinadora nacional.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A mocidade galega independentista convocou, coma cada ano, unha manifestación este domingo, 24 de xullo, con saída da Alameda de Santiago ás 20:00 horas, para poñer enriba da mesa as preocupacións da xuventude e co obxectivo de artellar "un movemento organizado que loite en cada recuncho do país para construírmos unha República Galega libre de explotación". Xurxo Longueira (Longui), membro da coordinadora de Mocidade pola Independência, chama a mobilizarse porque, di, "se ha de vir un cambio, virá polas mans da xuventude". Falamos con el sobre as problemáticas que enfronta a mocidade, a situación do movemento independentista e o país desexado. 

Manifestación da mocidade galega independentista
Manifestación da mocidade galega independentista | Fonte: Mocidade pola Independência

Por que saír á rúa neste 24 de xullo?

Observamos que nos últimos anos se están recortando dereitos que alcanzaran os nosos antergos e vemos que non temos capacidade de resposta, por iso facemos un chamamento a organizarse e mobilizarse para tratar de artellar as estruturas que nos permitan pasar á ofensiva e non agardar a que nos afecten todos eses retrocesos que estamos colleitando estes anos. Nós vemos dentro do 24 de xullo unha xornada de loita e de lecer na que reivindicar os nosos dereitos nacionais e de clase. 

Por que non hai esa capacidade de resposta?

A burguesía ten moitos dispositivos para desarticular todos os movementos, e un deles é a represión. Temos un compañeiro [Chema Naia] que foi condenado dous anos e dous meses de prisión por ir a unha mobilización do noso centro social Escarnio e Maldizer. Penso que inflúe a nosa precarización, moitas veces estamos tan limitadas de tempo e de cartos que non temos posibilidade de facer outra cousa que non sexa adicarnos ao traballo; e tamén tratan de atomizar os nosos movementos con outro tipo de dispositivos como o acoso policial, seguimentos, ameazas, multas...

Xurxo Longueira, membro da coordinadora de Mocidade pola Independência
Xurxo Longueira, membro da coordinadora de Mocidade pola Independência | Fonte: remitida

Cales vedes que son as maiores preocupacións da mocidade galega?

Nós estamos enfocando esta campaña no tema da inflación: a suba luz e dos alugueiros, a desindustrialización do país e a turistificación... Porque ao final entendemos que todo iso o que fai é hipotecar o noso futuro. Ten como consecuencia unha maior precarización da clase traballadora galega. Por iso esta campaña a enfocamos neses sectores máis económicos, pero tamén hai outros que nos preocupan como pode ser a españolización, a perda do galego e da nosa cultura. 

Vós nacestes no 2019. Que motivou a vosa irrupción nese momento no panorama independentista e como valorades o percorrido dende aquela?

Naquela altura nacemos como unha plataforma na que converxían diferentes espectros do nacionalismo e do independentismo galego. A idea de Mocidade pola independência era, a través duns mínimos, tratar de aglutinar diferentes sensibilidades. Co paso dos anos, certos espectros apostaron por outro tipo de estruturas organizativas e abandonaron o espazo. Aí nós comezamos a construír o noso propio camiño, pero o noso obxectivo é o mesmo: aglutinar sensibilidades diversas para a consecución da República galega e para as clases populares.

Que momento atravesa logo o movemento independentista baixo a vosa óptica?

Pensamos que precisa dunha reconfiguración porque non hai unha alternativa adulta e estable a día de hoxe, un partido con capacidade real e efectiva de penetrar na clase traballadora galega e sementar as condicións que nos permitan dar eses saltos cualitativos que á súa vez nos permitan dar o salto cara a independencia e a consecuención da República galega.

Nós somos espazos xuvenís que tratamos de organizar a xuventude, pero tampouco somos quen de presentar a día de hoxe unha alternativa adulta de cara á consecución destes obxectivos. Cómpre ter en conta que nós non temos ningún tipo de financiamento e soporte. Somos só a nosa propia actividade, non estamos tuteladas por ningún partido nin organización, dependemos de nós propias. 

E que análise facedes en concreto da situación do independentismo na mocidade?

Si que vemos que nos últimos anos a mocidade galega abrazou certo ideario independentista e nacionalista, como que se polarizou un pouco a raíz do procés catalán, pero está, sobre todo, na casa. Ese ideario non chega a que as organizacións xuvenís galegas notemos ese incremento á hora de organizármonos nos nosos espazos. Para nós o reto é tratar de organizar esta xente porque é precisa para dar un cambio de rumbo á sociedade galega. 

Por que pensas que queda na casa?

Quizais non somos quen de formular espazos atractivos, ou tamén polas dinámicas propias do capitalismo que fai que cada vez sexamos máis individualistas e non apostemos polo colectivo. Está aí tamén a precarización e falta de tempo da que falabamos. Temos menos capacidade para militar, un empeoramento da saúde mental... Son diferentes factores que van sumando.

E en clave máis positiva, que é o que achega a mocidade ao movemento independentista? 

Se ha de vir un cambio, virá polas mans da xuventude. A xuventude ten que ser a vangarda deste cambio, temos que ser nós os que deamos un paso adiante e recuperemos as rúas para termos futuro. Ese é o papel que ten que tomar a xuventude, e neste sentido son optimista. Con traballo e con confianza no proxecto, pódese chegar a eses termos. Pero precisamos que moita máis xente se sume. 

Que lle dirías a quen di, sobre todo de xeracións máis maiores, que a mocidade non ten conciencia política?

Eu creo que deberían ollar canto menos aos seus compañeiros de xeración. Paréceme un argumento un pouco paternalista pola súa parte porque para nada considero que a xuventude de hoxe teña menos conciencia política que as anteriores xeracións. Preguntaríalle se algunha vez se parou a ollar os seus compañeiros a ver se a situación é diferente que a que temos a mocidade.

Que Galicia desexades dende Mocidade pola Independência?

Aspiramos a unha Galiza por e para a clase traballadora, con ela centro das decisións, e a unha Galiza soberana, feminista, que loite na defensa de colectivos minorizados como o LGBT+, e que teña o seu desenvolvemento de forma planificada e de forma sustentable co medio ambiente.

Que dirías a quen di que unha Galiza independente é utópica ou non é viable?

Todo é utópico ata que se fai. Se algo nos demostrou a historia é que nada é imposible. Traballando colectivamente poden conseguirse grandes cousas. O sentimento de que a Galiza independente non sería posible ou sustentable non son máis que prexuízos e autoodio cara a nós mesmas. Ao final son mentiras e falacias difundidas desde o españolismo e Estado español para que nós mesmas renunciemos ao noso obxectivo. 

É para vós o Estado español un estado demócrata?

Nós temos analizado que o Estado español xa vén cimentado na corrupción do imperialismo e do xenocidio e que non é nin moito menos demócrata. Non hai máis que ver a falsa transición española do 78, onde non houbo unha renovación democrática, onde as persoas asasinadas durante a ditadura non tiveron ningún tipo de reparación, onde os asasinos son condecorados e nunca foron xulgados, e onde non existe unha separación de poderes. Hai unha corrupción palpable en todas as élites. Está todo atado e ben atado, como dixo Franco. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta