A Xunta pide ao Goberno financiamento para o Polo Aeroespacial de Galicia a través do Perte

A Administración demanda que a repartición prevista se realice con transparencia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2022 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

A Xunta defende o papel protagonista que debe ter o Polo Aeroespacial de Galicia no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica vinculado a este sector e solicita o apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación para que os proxectos de I+D+i da iniciativa estratéxica do Goberno galego, especializada no segmento dos vehículos non tripulados, conten con financiamento destes fondos europeos.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou este martes en Madrid na reunión sobre o Perte, na que tomou parte a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, xunto coas comunidades autónomas, organismos públicos de investigación, así como a organizacións empresariais e sindicais con relevancia no sector, entre outros.

A Administración autonómica galega destacou durante o encontro a necesidade de que a repartición prevista no Perte, fondos que permitirán atraer investimento privado a Galicia, se realice con transparencia, garantindo a igualdade de oportunidades e contando co compromiso do sector na repartición das axudas.

A Xunta sinala o importante peso que ten o sector en Galicia e pon en valor que, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, se investiron 164 millóns de euros en proxectos de I+D+i no segmento dos vehículos e sistemas non tripulados nos últimos cinco anos; e que xa están en execución outros 84 millóns dos 540 previstos na nova planificación estratéxica que se desenvolverá ata 2025.

A Administración autonómica tamén insiste na necesidade de coordinación e de sumar capacidades e esforzos no I+D+i aeroespacial, na que Galicia ten unha posición de referencia en España. O Consorcio Aeronáutico Galego agrupa máis de 40 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento dun sector de alta tecnoloxía que se foi consolidando nos últimos anos e que en 2021 mantivo o emprego e pechou o exercicio cun incremento de facturación do 6%.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argarey, participa na presentación do Polo Aeroespacial de Galicia na feira Expodrónica 2022.. XUNTA DE GALICIA
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argarey, participa na presentación do Polo Aeroespacial de Galicia na feira Expodrónica 2022.. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta