Extinguidos os dous maiores lumes na historia de Galicia tras queimar 21.600 hectáreas en dúas semanas

O conselleiro José González alerta de "comportamentos incendiarios" nalgúns dos lumes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2022 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Os dous maiores incendios desde que hai rexistros en Galicia, no Courel --11.100 hectáreas-- e Valdeorras --10.500 hectáreas--, quedaron extinguidos este xoves. Forman parte dunha vaga de lumes que comezou hai dúas semanas con treboadas secas nas que raios provocaron media centenar de incendios, cun balance global dunhas 33.000 hectáreas arrasadas.

A Consellería de Medio Rural deu por extingido o lume de Carballeda de Valdeorras ás 19,12 horas deste xoves. Obrigou a desaloxar a vivendas e queimou casas en lugares como o de Alixo, no Barco, ademais de afectar o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Previamente, neste mesmo xoves, a Consellería do Medio Rural informou de que o lume que afectaba os concellos de Folgoso do Courel e da Pobra do Brollón quedaba tamén extinguido despois dúas semanas. Con 11.100 hectáreas queimadas, segundo as estimacións da Xunta, converteuse no maior desde que hai rexistros en Galicia. Aquí, xuntáronse cinco focos: tres en Folgoso --dous da parroquia de Vilamor e un da de Seceda-- e dúas na Pobra --ambos en Saa--.

En canto ao resto de lumes rexistrados en Galicia, controlouse ás 14,50 horas o terceiro gran incendio forestal desta onda, o de Vilariño de Conso (Ourense), parroquia de Padroalbar, que afecta o Parque Natural de Invernadeiro, con 6.500 hectáreas queimadas.

Ademais, Medio Rural dá por estabilizado --desde as 19,34 horas--, aínda sen controlar, o que afecta a Castrelo de Miño, parroquia de Barral, e que se estendeu ata o municipio veciño de Cartelle. As autoridades decretaron a situación 2 de alerta por proximidade a vivendas, aínda que quedou desactivada sobre as 4,00 da madrugada deste xoves. A superficie calcinada ascende a 200 hectáreas.

Paralelamente, segue controlado o do Saviñao, concretamente na parroquia de Rebordaos, con ao redor de 20 hectáreas arrasadas tras iniciarse en, polo menos, tres focos diferentes.

EXINTINGUIDOS

A vaga de incendios rexistrada en Galicia desde hai dúas semanas deixa un balance histórico de máis de 33.000 hectáreas queimadas, contando os que nos últimos días se foron apagando. En concreto, os incendios extinguidos suman unhas 26.200 hectáreas --cabe lembrar que a Xunta só inclúe nos seus boletíns informativos aqueles que superan as 20 hectáreas de superficie--.

Ademais dos citados macroincendios do Courel e Valdeorras, a lista de incendios extinguidos é a seguinte: Cualedro --31 hectáreas--; Baiona --46 hectáreas--; Melón --dous lumes que suman 98 hectáreas--; Quiroga --345 hectáreas--; Ribadavia --67 hectáreas--; Covelo --37 hectáreas--; Cervantes, parroquias de Donís --75 hectáreas--, Noceda --182 hectáreas--, Cereixedo --65 hectáreas-- e O Castro --0,5 hectáreas--; así como Rodeiro --110 hectáreas--; Palas de Rei --375 hectáreas--; Antas de Ulla --54,1 hectáreas--. Esta lista complétase co tres no municipio de Oímbra, parroquias de Rabal --2.100 hectáreas--, San Cibrao --370 hectáreas-- e Videferre --919 hectáreas--.

Vista xeral da zona afectada polo lume de Folgoso do Courel, a 20 de xullo de 2022
Vista xeral da zona afectada polo lume de Folgoso do Courel, a 20 de xullo de 2022 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

"COMPORTAMENTOS INCENDIARIOS"

O conselleiro de Medio Rural, José González, alertou este xoves no Courel dos "comportamentos incendiarios" que se están vendo nalgúns dos principais incendios que afectan Galicia desde hai dúas semanas.

"Estamos a ver comportamentos incendiarios en Galicia que non se poden consentir. Esta semana houbo bastantes incendios intencionados. No Saviñao, apareceron tres focos simultáneos á beira da estrada. Tamén o foco do de Castrelo estaba á beira da estrada", sinalou González, que lembrou ademais que esta fin de semana apareceron artefactos incendiarios nun distrito de Pontevedra.

Ante esta situación, o titular de Medio Rural solicitou á poboación que "extreme a prudencia" cos comportamentos que poidan causar algunha neglixencia, así como a súa colaboración para avisar de posibles lumes. "A colaboración cidadá é fundamental para acabar con esta secuela", destacou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta