Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 17:03
A Policía Local de Pontevedra detivo a un mozo de 22 anos por un presunto delito de violencia de xénero e atentado contra un axente da autoridade. O mozo ameazou os axentes cunha navalla en varias ocasións e, previamente, empuxara á súa parella e á súa filla mentres impedía que estas accedesen ao seu domicilio habitual.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, o suceso tivo lugar sobre as 00,30 horas do pasado 22 de xullo. Os axentes acudiron a un domicilio particular despois de recibir o requirimento dunha muller que alertaba de que a súa parella non lle permitía entrar na súa casa. Nese momento estaba coa súa filla de dous anos de idade.
A muller relatou aos axentes que ela, a súa parella e a nena acudiran a un aniversario, que discutiron nalgún momento e, ao regresar ao edificio, o home non permitiu a súa entrada na vivenda. Varias testemuñas engadiron que despois da discusión o home tiña en brazos á menor, entregoulla á nai de maneira violenta e empuxounas a ambas. Outra testemuña asegurou aos policías que os malos tratos cara á muller eran frecuentes.
Cando os axentes estaban a recompilar estes datos, tanto á vítima como ás testemuñas, o mozo baixou do domicilio, e foi apartado por un dos axentes para poder entrevistalo aparte, ao que o mozo respondeu con "graves insultos".
A Policía Local apunta que este home se comportaba "de maneira violenta e con berros" e que regresou á súa casa para volver xunto aos axentes "esgrimindo unha navalla" coa que os ameazou, ademais de dicir: "A ver quen é o que sobe aquí". Este individuo fixo caso omiso ás peticións dos municipais para que soltase a arma e chegou a amagar con autolesionarse ao poñerse a navalla no pescozo.
Segundo o relato policial, volveu ameazar aos axentes, que indicaron que o home chegou a apuntarlles coa navalla a escasos 20 centímetros, momento no que un dos policías fixo uso do espray, para despois lograr reducilo, co que a navalla caeu ao chan e se procedeu á detención do individuo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.