Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/07/2022 | Actualizada ás 22:05
Unanimidade entre o sector sanitario galego en contra do novo Plan de Continxencias aprobado polo Sergas para afrontar a escaseza de profesionais e evitar os peches dos Puntos de Atención Continuada (PAC) no verán. Tal é o cabreo entre o persoal sanitario que, no caso da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, houbo unha unión total dos sindicatos CESM, PROSAGAP, OMEGA, TSP e CO-BAS, que son maioría na Xunta de Persoal, para pedir o cese do actual Equipo Directivo.
"Despois de estar o día 18 só toda a garda, o día 22 só toda a garda, agora toda a mañá do día 24 só outra vez. Saio ás tres no canto das dúas despois de ver 84 pacientes, 84 pacientes coa maldita sensación de facer todo mal, porque, que gran idea é cubrir todos os PAC cun médico, e que nós tiremos para diante... e dá igual como esteamos ou o que fagamos, ou que non nos sentemos nin a respirar". Así se expresa un sanitario desta área sanitaria tras o novo plan da Xunta, un plan que aposta por dar incentivos económicos a uns profesionias que din estar cansos e fartos dunha situación que leva sen solucionarse durante anos; a acuciante falla de profesionais sanitarios.
"Esta semana, con ese gran descanso que nos permitides volvín ter garda de 17 horas o 26, o 28 e terei o 30. Xa digo que desde logo a miña capacidade mental está a bordo de atorarse, se o martes vou volver a pasar horas só en pleno turisteo e outra vez a ver máis de 90 nacentes non vou a aguantar máis", sinala este médico.
NON HAI DIÁLOGO COS SANITARIOS
Un profesional que expresa en alto que case todos os e as súas compañeiras pensan, que están "obrigados" traballar dunha forma "totalmente precaria, totalmente esclavista e vergoñenta". E o único que reciben cando van falar coas direccións hospitalarias son argumentos como que "saben que haberá baixas" e que "terán malas respostas dos pacientes".
"Unha boa xestión comeza cun bo achegamento e diálogo cos traballadores", din, algo, que polo momento botan moi en falla. Por iso, no caso da área de Pontevedra, decidiron xa pedir o cese de toda a dirección para continuar falando. Nunha xuntanza este venres coa directora Xeral de Recursos Humanos do SERGAS, Ana María Comesaña, os sindicatos expuxeronlle n a situación límite que se vive na área Sanitaria de Pontevedra, e as demandas que consideran "ineludibles" para reverter a situación e recuperar unha "sanidade Pública de calidade, como cidadáns e profesionais merecen".
Entre as medidas destes sindicatos, que comparten outras áreas sanitarias, están o rexeitamento frontal ao Plan de Continxencias para cubrir as prazas de persoal sanitario nos PACs, e, no caso da área de Pontevedra, un plan específico pola situación "insólita" que se vive nesta área sanitaria.
OS MÉDICOS RESIDENTES TAMÉN EN CONTRA
Por outra banda, os residentes de cuarto ano de medicina familiar e comunitaria da área de Santiago de Compostela tamén emitiron un comunicado no que rexeitan completamente este novo plan que a consellería vende como o mellor xeito de atallar o caos da atención sanitaria nos centros de saúde e PACs e que se encargan de publicar os grandes medios de comunicación galegos fortemente subvencionados pola Xunta.
Este plan establece que a cobertura de postos de médicos asistenciais dos Puntos de Atención Continuada pode facerse con residentes de cuarto ano en plena formación, algo que incumpre, din, as bases do programa docente e pon en perigo a súa formación, a calidade asistencial e a seguridade de pacientes e profesionais.
"Malia que dende a Consellería de Sanidade tense mencionado que seremos supervisados
por un médico titular (sen garantir que estea acreditado para iso pola Unidade docente
correspondente), os residentes teriamos que quedar en moitas ocasión sós nos PAC,
se o médico titular supervisor ten que levar a cabo unha asistencia fóra do centro", din. Deste xeito, asumirían eles sós a asistencia ante urxencias e emerxencias vitais, sen a tutorización pertinente e sen claras garantías legais.
Por iso, manifestan o seu "profundo rexeitamento" á totalidade do Plan de continxencia, xa que este supón un "novo mal trato dende a administración cara á Atención primaria". "Asimesmo, amosamos a nosa total oposición a ser empregados para substituír a médicos asistencias nas gardas dous Puntos de Atención Continuada xa que supón un incumprimento do noso programa formativo e unha ameaza á calidade asistencial e seguridade de pacientes e profesionais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.