Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2022 | Actualizada ás 17:47
A Xunta avalía solucións alternativas para garantir "a curto prazo" as achegas de caudal ao Lérez. En concreto, unha das posibilidades que analiza é empregar a auga embalsada do antigo oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei (Pontevedra), no caso de que "sexa de calidade e compatible coa actividade piscícola" do río.
Para iso, Augas de Galicia --dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade-- procederá "nos próximos días" a realizar catas con extraccións de auga de distinta profundidade para confirmar que cumpre os requisitos para poder facer estas achegas ao Lérez, que abastece aos municipios de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu e Sanxenxo, principalmente.
Trátase, segundo informa a Xunta, dunha solución que "non sería de aplicación inmediata" pero, de ser viable, "si podería facilitar o abastecemento" a estes concellos "máis avanzado o verán", cando o caudal se podería resentir aínda máis pola ausencia de precipitacións.
Así, no caso de que as análises demostren que a auga de Ventoxo é apta para o consumo humano e compatible coa vida no río, Augas de Galicia procedería a unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco mineiro ata o Lérez.
RESPONDE As PROPOSTAS DE PONTEVEDRA
Precisamente, este luns, a directora deste organismo da Xunta, Teresa Gutiérrez, participou nunha reunión de seguimento da prealerta por seca, na que o Concello de Pontevedra unha nova proposta de solución que ten como base diferentes presas existentes ao longo do río Lérez.
No entanto, a Xunta asegura que a auga destas balsas "xa se están empregando actualmente para manter o caudal ecolóxico do río e para conseguir manter o seu caudal en valores estabilizados", do torno de 1,7 metros cúbicos por segundo.
NOVAS MEDIDAS EN SANXENXO
Neste contexto, a Xunta pide aos concellos que "sigan incidindo nas medidas xa adoptadas" e implementen "outras novas", tras o cal puxo como exemplo a Sanxenxo. Este concello anunciou este martes o peche da piscina municipal e a supresión das regas nos campos de fútbol, dúas solucións coas que prevé un aforro medio diario de 23.000 litros.
"O goberno lamenta os inconvenientes que poida provocar a decisión entre os usuarios das instalacións municipais, pero considera que son necesarias para seguir garantindo o abastecemento nas próximas semanas e evitar restricións de subministración a vivendas e negocios", sinala o Consistorio, que lembra que Sanxenxo chega a multiplicar ata por seis a súa poboación en xullo e agosto.
BALANCE HIDROLÓXICO DE GALICIA
Tamén este martes, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico fixo públicos os datos da reserva hídrica nacional. En base ás súas cifras, o conxunto dos encoros galegos están ao 53,4% da súa capacidade total, con 1.984 hectómetros cúbicos.
Esta porcentaxe sitúase un 0,8% por baixo do da semana pasada --o quinto descenso consecutivo-- e case un 17% menos que a media da última década, situada en algo máis do 70%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.