Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2022 | Actualizada ás 16:14
O Concello da Coruña presentou o Calendario Histórico 2023. A publicación, que alcanza a súa sétima edición, fai un percorrido pola cidade herculina a través de 13 imaxes do século XX, varias delas inéditas. Recolle ademais 600 efemérides ordenadas día a día. Todas as imaxes proceden da colección privada Bartolomeu-Chavert, propiedade do coleccionista de fotografía antiga Alfonso Bartolomeu, quen participou na presentación celebrada este xoves.
No acto estivo acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, José Luís Castro de Paz; e o director da Compañía de Tranvías, Juan Ignacio Prada. Segundo explicou Bartolomeu, "o gran reto" sería que "a xente nova senta un pouquiño como súa" aquela cidade que aparece reflectida no calendario.
A alcaldesa, pola súa banda, destacou que esta iniciativa conta "cun carácter didáctico e divulgativo importantísimo" que contribúe á difusión do coñecemento sobre A Coruña con varias tomas en branco e negro datadas hai máis de 100 anos.
ENCLAVES
O calendario reflicte enclaves históricos da cidade herculina como a praza de Mina e a rúa Juana de Vega, así como paisaxes xa desaparecidas ou que cambiaron totalmente con respecto á actualidade como e antigo Quiosco de Música de Riazor, que foi derrubado en 1921.
Sae á venda o vindeiro sábado día 6 de agosto, en quioscos e librarías da Coruña. A Fundación Wenceslado Fernández Flórez, que edita por primeira vez esta publicación, contou co apoio do Concello e o patrocinio da compañía de Tranvías. O acto de presentación terminou cun coloquio impartido por Alfonso Bartolomeu; o xornalista e autor dos textos da publicación, Rubén Ventureira; e o historiador Xosé Alfeirán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.