Conde redobra a guerra da Xunta contra o Goberno polos límites á luz e a calefacción

O conselleiro de economía cuestiona os resultados das medidas do Executivo central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2022 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Innovación e Industria, Francisco Conde, cualificou de "ocorrencias" e "improvisación" as medidas do plan de aforro enerxético do Goberno central que, na súa opinión "achéganse máis a ocorrencias que a impacto real para reducir o consumo". "Esperamos que o Goberno se tome en serio a política enerxética, que abandone a frivolidade e estableza un diálogo sincero e aberto coas comunidades", manifestou.

En declaracións aos medios na localidade pontevedresa de Sanxenxo, Conde criticou que o Executivo central actúe "á marxe dos sectores económicos". Neste sentido, censurou que "non hai ningún tipo de dato" sobre os impactos das medidas propostas e sobre "que poden supor desde o punto de vista do aforro enerxético". Mentres, denunciou o vicepresidente, as empresas "pasan dificultades" e puxo como exemplo ás electrointensivas ou as empresas de conxelación.

CONFERENCIA SECTORIAL O MARTES

Así mesmo, Conde asegurou que a Xunta acudirá "como sempre" á conferencia sectorial convocada para o martes polo Ministerio de Transición Ecolóxica e de Reto Demográfico para aclarar dúbidas sobre o plan de aforro enerxético, cuxas primeiras medidas está previsto que entren en vigor o vindeiro mércores.

Con todo, este sábado demandou ao Goberno de Pedro Sánchez "cooperación sincera" coas comunidades e que lles traslade cales son os impactos, anticipe a documentación e que clarifique cales van ser os pasos para que sectores como o comercio, o turismo ou a industria "non se vexan prexudicados" por medidas que, manifestou, "están a circunscribirse a quitar a gravata, controlar a temperatura dos centros comerciais e apagar as luces dos escaparates".

"Pedímoslles que abandonen a frivolidade e que en materia de política enerxética establezan medidas que favorezan aos sectores económicos e ás familias, que se controle o prezo eléctrico, que as industrias poidan acceder e manter a súa actividade", sentenciou o vicepresidente primeiro.

En todo caso, Conde asegurou que a Xunta "está de acordo" en introducir medidas de aforro e de eficiencia enerxética, pero "con medidas de impacto que se poidan analizar cales son os efectos que van ter".

O Vicepresidente da Xunta,  Francisco Conde / Xunta  / Europa Press
O Vicepresidente da Xunta, Francisco Conde / Xunta / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta