Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2022 | Actualizada ás 14:33
O alcalde da Pobra do Brollón, José Luís Maceda, chamou a rexenerar a zona arrasada polo lume na serra do Courel "canto antes" tras sufrir o que considera un "Prestige forestal". "É de gran tristeza e frustración ver como quedou arrasada toda esa zona", lamentou o rexedor sobre un lume que calcinou 11.100 hectáreas, no maior incendio en Galicia desde que hai rexistros.
Na Pobra, o rexedor sinala que este lume "arrasou unha zona de especial riqueza forestal e de interese paisaxístico, nunha zona que limita co Courel". Así, sostén que "neste momento hai que buscar unha solución para rexenerar o monte canto antes, e nalgún caso tramitar as axudas para rehabilitar as vivendas afectadas".
Sobre a declaración de zona catastrófica, José Luís Maceda, apuntou que debe ser como un "todo" que afectou a tres municipios: A Pobra, Folgoso do Courel e Quiroga. "No Courel o lume afectou á reserva da biodiversidade de forma moi importante. O desastre ecolóxico está aí, e pódese dicir que ten a dimensión do Prestige", comparou Maceda.
O alcalde da Pobra do Brollón, que é veterinario, calcula que "foron moitos máis de 40.000" os animais que puideron perecer neste incendio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.