Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 13/08/2022 | Actualizada ás 21:23
A manifestación organizada por Touradas Fóra de Pontevedra, que percorreu o centro da cidade coincidindo coa primeira xornada da feira taurina da Peregrina, esixiu a fin deste "espectáculo bárbaro" que "dana seriamente a imaxe" da cidade.
Centos de persoas e representantes doutras asociacións que reivindican a protección animal sumáronse a esta protesta, encabezada cunha pancarta na que se podía ler 'A tortura non é arte nin cultura'. Este mesmo lema foi coreado a modo de consigna, do mesmo xeito que o de 'Non é arte, é asasinato'.
Tras a cancelación en 2020 e 2021 desta feira --a única que se mantén en Galicia-- por mor da pandemia, este colectivo argumentou que "Pontevedra non necesita as corridas de touros" porque "nada mudou" neste tempo a nivel cultural nin laboral.
Durante a lectura do manifesto --a cargo de Tareixa Alonso, do grupo de teatro Pavís Pavós-- lembraron que nos máis de dez anos que se vén celebrando esta protesta a feira taurina reduciu a súa duración, retirouse a súa publicidade no programa das festas da Peregrina e tampouco se manteñen as "grandes subvencións" que recibía por parte do anterior goberno da Deputación dirixido polo PP. "Isto é grazas a unha loita activa que non desiste", destacaron.
"Queremos máis cultura viva, concertos, espectáculos de rúa, actividades deportivas, talleres, teatro, cinema", reclamaron, "todo o contrario ao que representa esta feira que insiste en manter vivos valores que xa ninguén apoia".
Así, desde Touradas Fóra de Pontevedra aseguraron que "os mesmos taurinos recoñecen" que esta feira "vive unha época de decadencia" por mor de que "o negocio non rende porque o interese decae". Por iso, este colectivo insistiu en que "o seu final se aceleraría moito se se tivese que manter en exclusiva coas súas propias forzas e non de drenar subsidios e recursos públicos".
Ademais de esixir que "sexa eliminada de inmediato" calquera axuda pública para as corridas de touros, tamén arremeteron contra os "privilexios" para publicitar a feira, en alusión aos paneis metálicos de gran tamaño instalados en varios puntos da cidade, algo que "ningún outro negocio fai".
Touradas Fóra de Pontevedra esixiu a "abolición" dos espectáculos taurinos en Galicia, unha medida que depende das esferas lexislativas, polo que instou a "presionar" aos partidos políticos para que actúen "modificando a fraudulenta Lei de Benestar Animal, na que as corridas de touros son unha excepción "á hora de combater os malos tratos animais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.