Carlos Callón leva ata Brasil a historia da represión do galego nun ciclo de conferencias

Río de Janeiro, Salvador de Bahia e Niterói acollerán actos que terán como punto de partida O libro negro da lingua galega, de recente publicación en Xerais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2022 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Como foi, e tamén como continúa a ser, a represión por razón de lingua no lugar do mundo onde naceu o galego-portugués. Ese é o punto de partida do ciclo de conferencias que o profesor Carlos Callón desenvolverá para a semana en tres universidades brasileiras. Callón realizará esas achegas desde a súa recente investigación O libro negro da lingua galega.

O escritor Carlos Callón durante a presentación da súa novela O libro negro da lingua galega, a obra que percorre 500 anos de persecución e silenciamiento do galego. EUROPAPRESS
O escritor Carlos Callón durante a presentación da súa novela O libro negro da lingua galega, a obra que percorre 500 anos de persecución e silenciamiento do galego. EUROPAPRESS

A primeira conferencia efectuarase na Universidade Federal da Bahia no día 22 de agosto e servirá como actividade inaugural do semestre para o Centro de Estudos da Lingua e da Cultura Galegas. O evento presentarao o profesor Márcio Coelho Muniz, especialista na literatura medieval galego-portuguesa.

No 24 de agosto a Universidade do Estado do Rio de Janeiro acollerá unha conversa co mesmo motivo, introducida pola escritora e investigadora Thayane Gaspar. Xa no día seguinte, a historia da represión do galego será protagonista dun evento na Universidade Federal Fluminense de Niterói, presentado polo profesor e pesquisador Xoán Carlos Lagares.

O libro negro da lingua galega, que percorre a historia do silenciamento do idioma propio do país desde finais do século XV até finais do XX, presentouse ao longo do mes de xullo por diferentes puntos da xeografía galega e está a ter unha excelente acollida. Case 1.400 persoas participaron nos actos de lanzamento en Galicia, que incluíron tamén dous roteiros en Santiago de Compostela e en Pontevedra para seguir as pegadas da represión idiomática nas rúas destas cidades.

Os actos no Brasil dan inicio a unha xira de presentacións do volume por diferentes lugares de Europa e da América. O propósito do autor con esta rolda de eventos en diferentes lugares é "axudar a dar a coñecer internacionalmente que o galego existe, que ten unha historia e que a día de hoxe non contamos coa igualdade de dereitos necesaria para garantir o noso mañá". "A causa do galego fai parte da loita por un planeta diverso e con futuro", conclúe Callón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta