Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 13:54
Representantes da Organización galega de Comunidades de Montes entregaron este mércores no rexistro do Parlamento de Galicia máis de 12.000 firmas que avalan unha iniciativa lexislativa popular para protexer os montes comunais como figura diferenciada tanto á propiedade privada como á pública, para evitar que poidan "privatizarse" para o seu uso comercial
Esta iniciativa, tal e como explicou o seu presidente, Xosé Pereira, ten como obxectivo preservar o carácter específico comunal dos montes veciñais, e que se recoñeza como tal este tipo de propiedade, diferenciada tanto da pública como da privada. Esixen, así mesmo, que se declare aos montes veciñais como unha figura de protección ambiental e cultural e que se teña en conta que as comunidades de montes son en si mesmas dinamizadoras do rural.
Para a entidade, é esencial que se manteña o carácter comunal da propiedade destes espazos, incluso traspasándoa a unha comunidade de montes contigua en caso de non existir poboación suficiente, pero evitando que poida pasar a mans privadas que dediquen estes espazos a explotacións comerciais, como a madeira ou a minaría, dixo. Con iso, apuntou Xosé Pereira, a iniciativa vai en "dirección contraria" que o borrador co que, denuncian, a Consellería do Medio Rural pretende modificar a lexislación dos montes comunais.
"Levamos anos denunciando que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas de diversa índole, forestais, madeireiras, eólicas ou mineiras, poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais", dixo o presidente. Para Xosé Pereira, a posibilidade de xestión privada ou comercial destes montes comúns, ou que se dea acceso á súa xestión a persoas alleas á veciñanza dunha determinada zona, implica "roubar" este terreo, resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.