Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 18:35
A Garda Civil de Pontevedra porá en coñecemento da Autoridade Portuaria de Marín e de Capitanía Marítima o ocorrido este martes nas proximidades do peirao da illa de Ons, pola suposta comisión de varias infraccións, ao producirse un 'pique' entre dúas embarcacións con pasaxe para chegar en primeiro lugar á zona de atracada.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, os feitos ocorreron a media mañá, e deles foron testemuñas, ademais de varios viaxeiros que estaban no peirao esperando para embarcar, efectivos dunha patrulleira do Servizo Marítimo da Garda Civil, que se atopaban na zona.
Así, puideron observar como se achegaban as dúas embarcacións de senllas navieras e, nas proximidades do peirao, para tentar chegar antes que o outro buque, comezaron a acelerar e manobrar de forma temeraria. Todo iso levando pasaxe a bordo.
A Garda Civil realizou dilixencias ante a posible comisión dalgunha infracción, que serán trasladadas á Autoridade Portuaria de Marín e a Capitanía Marítima, polo suposto incumprimento da normativa no que respecta ás manobras de atracada e pola velocidade inadecuada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.