As escavacións no convento de Santa Clara descobren tumbas "de xeito masivo"

A Deputación de Pontevedra confirma que os traballos arqueolóxicos permitirán coñecer como se vivía no seu interior ao longo do tempo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

O convento de Santa Clara segue a ser fonte de achados diarios. Segundo confirmou este mércores o presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, os avances son continuos e a equipa arqueolóxica terá suficiente documentación nas vindeiras semanas para realizar unha primeira reconstrución cronolóxica de como era a vida no convento e a evolución da construción nos seus 750 anos de historia.

Escavan unhas  40 tumbas no convento de Santa Clara
Escavan unhas 40 tumbas no convento de Santa Clara | Fonte: Deputación de Pontevedra

As escavacións están a localizar numerosos enterramentos en diferentes espzaos da finca e das construcións, incluso a diferentes niveis: na horta, no claustro, na igrexa, na entrada baixo o cemento, no refectorio vello, no coro baixo... Polo de agora están escavadas unhas 40 tumbas, mais calcúlase que os enterramentos foron masivos, de maneira que o equipo só abrirá aquelas que considere máis representativos.

"Isto é sorprendente. Poderiamos estar toda a vida escavando. Hai incluso enterramentos con dous ou tres osamentas xuntas", apuntou Mosquera. "O cemiterio que existía era do século XX. (...) Pero canta xente pode estar aí enterrada en 750 anos? 2.000, 3.000, 4.000 persoas? Só a unha por ano son 750... Sabemos que son multitude", subliñou.

Tamén se teñen detectadas diferentes técnicas mortuorias segundo a época na que se fixo o sepelio. Nalgúns casos os corpos están dentro de caixas de madeira e noutros simplemente nun sudario. Así mesmo, parece estar documentado que tamén hai enterramentos de xente allea ao convento, que acabou enterrada dentro do recinto por ter feito algunha cesión no seu testamento a cambio do enterramento no lugar, ou ben por colaborar coas monxas dalgunha maneira.

A información sobre os corpos, a maneira en que estaban dispostos e a súa localización servirá para facer unha primeira achega ao modo de vida do convento. A maiores tamén se realizarán as analíticas forenses dos ósos, que probablemente estarán finalizadas a finais de ano ou primeiros de 2023, segundo explica a Deputación. "Entón xa se poderá saber con detalle cuestións como, por exemplo, o tipo de alimentación que seguían as mulleres recluídas no recinto relixioso", asegura.

ENTRADA POLA PARTE SUPERIOR

Tamén están a darse moitas novidades en canto ao coñecemento da construción propiamente dita. Téñense documentadas edificacións orixinais de hai 750 anos, partes que desapareceron e tamén engadidos posteriores que se están a analizar. Segundo explicou Mosquera, "é sorprendente a cantidade de modificacións que se fixeron ao longo da historia, que chegan a crear unha construción desfigurada con respecto a outros conventos e edificacións relixiosas coetáneas".

Como exemplo, subliñou que moi probablemente o ábside da igrexa non sexa o orixinal, senón unha substitución do século XV ou XVI. Outra das cuestións máis chamativas é que a entrada orixinal do convento estaba situada na parte superior da finca, cara a praza de Barcelos, antes do século XVII, de cando data o actual muro. Por outra parte, nas diferentes catas realizadas está a aparecer tamén moita cerámica soterrada a diferentes niveis (máis fondas as máis antigas) que amosan perfectamente as características de uso e tipoloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta