Dende a miña perspectiva ás razóns de equidade ou oportunidade non existen e atopar fundamento xurídico noutras cuestións, mais aló destes dous conceptos non só nesta ocasión, senón sempre, é unha tarefa imposible. O indulto na práctica histórica é unha arbitrariedade. Tentar dar "razóns" dende outras visións, non deixa de ser unha carallada mais. Polo cal a manifestación feita polo Presidente do PP nesta máis que posible acción do poder, só é fume. O desexable sería acordar un troco lexislativo entre os dous partidos maioritarios desta ferramenta exclusiva de quen manda para rebaixar os abusos ao máximo posíbel e, no caso contrario, fagan o favor de calar. Xa abonda do politiqueo barato que están a facer estás dúas organizacións políticas segundo as súas conveniencias, non teñen vergoña!!!.
Desde esta constatación Feijóo propuxo sen querelo, un debate ben interesante, porque non funciona a democracia?. Sinxelamente porque as demandas políticas e cidadáns dunha ampla maioría da sociedade, non teñen resposta na gobernanza das democracias. Esta sería a miña resposta ao novo Presidente do PP.
Todas as certezas doutros tempos, agora, xa se converteron en dubidas, isto supón a perda de valorización desta democracia. Fíxose vella e ten enfermidades e senón recibe coidado axiña pode morrer e nese camiño vital nin o bo permanece de xeito permanente, nin o novo chegará sen esforzos e sacrificios. A crise é cultural, económica, social, política e sistémica. A subordinación da democracia aos mercados é un feito. O capitalismo foi o gañador da contenda sistémica e a súa funcionalidade é un axioma aceptado como natural.
Aínda hoxe estase a falar dos desaxustes financeiros como eixo fundamental das crises. A dinámica desenvolvida dende os anos 70 do pasado século ata hoxe, levounos a unha rúa sen saída. Claro que o poder político pode aprobar medidas de corrección para mellorar os extremos do mal funcionamento, máis cando o capital financeiro é quen xera os grandes beneficios en detrimento do capital produtivo a solución non é doada.
O capitalismo ten acreditado unha grande capacidade de adaptación e supervivencia en situacións de moita inestabilidade, mais non sería unha rareza histórica que estivera chegando aos seus limites e non fora quen de reinventarse unha vez máis. A maioría dos sistemas remataron deste xeito e nesta dinámica foron superados e relevados por outros.
É posíbel que o sistema financeiro siga a manterse con recursos públicos, o déficit siga crecendo, cando o mercado case nos afunda e a violencia das elites vaia perdendo toda a lexitimidade democrática propoñan que ou ben a súa alternativa é aceptada sen protestar ou chegará o caos, como parece que está a facer Trump e a maioría do Partido Republicano nos EEUU.
O conflito está en período de xestación pero xa considera, polo de agora dun xeito moi escurantista, os termos da contenda: democracia-ditadura. O paradoxo é que a nova democracia terá que ser construída dende as clases populares e a ditadura terá o seus principais seguidor@s no mercado, no sistema capitalista e n@s que seguen a defender unha democracia moribunda e con moitos déficits acumulados.
No meu caso, non é por ningunha revolución pendente ou por darlle outra volta aos asuntos que deixou sen resolver, a chamada transición. Nun anterior artigo xa falei da fatiga na que se atopa a democracia liberal como consecuencia do seu involucionismo. Os seus límites xa están ao descuberto e polo tanto que este é o mellor sistema de goberno, tamén precisa dun debate con fondura.
Namentres a globalización furou na soberanía dos Estados e ditas estruturas nacionais fixeron un entreguísimo sen control a outra superestrutura como a Europa Comunitaria e o Atlantismo dirixido polos EEUU, negan calquera posibilidade legal de autodeterminación das nacionalidades históricas baseándose na forza legal das diferentes Constitucións dos Estados, coa excepción dalgún axuste xeopolítico estratéxico; namentres o poder económico dos grandes grupos empresariais fai asociación de interese preferente co poder político acreditando legalmente e con moi poucas reservas a posibilidade da incorporación aos Consellos de Administración das devanditas empresas, de ministr@s ou altos cargos do Goberno e outras Institucións nunha viaxe tanto do dereito como do revés; namentres as eleccións amiten cada día máis as campañas da venta das mercadorías e a maioría das organizacións políticas só vendan promesas nos seus programas electorais onde o importante é ser elixida@ e logo xa deciden cales son os problemas a resolver e como facelo. O amaño, non é doado.
Ou sexa, o funcionamento da democracia de hoxe, asemella o dunha Sociedade Anónima dirixida formalmente pola representación política saída das urnas, mais comparte co poder económico as estratexias cara a onde e como temos que ir. Pola contra, dita dirixencia considera unha intromisión a intervención de calquera oposición aos seus plans, así como a da cidadanía activa e consciente que desexa unha democracia con máis e mellor participación, máis e mellor transparencia, máis e mellores mecanismos de control e a liberdade de tódalas Patrias.
A desmobilización da esquerda e os amaños "daquela maneira" están deixando a democracia representativa nesta parte do Mundo moi desvalorizada, xa que as promesas de mellora na calidade de vida non teñen cumprimento. Cada vez máis a concentración da riqueza e as desigualdades avanzan e fanse inasumíbeis por quen apoiaba cegamente o sistema. O discurso das eleccións libres é só unha parte, e pouco a pouco vai quedando ao descuberto que non é o todo. A maioría da xente está acreditando que este modelo de democracia fai auga polos moitos drenaxes nas súas institucións que xa non son quen de gobernar para a maioría.
O mesmo Tocqueville afirmou que gustaba da liberdade, do respecto aos dereitos, mais non da democracia. É posible que a Revolución Francesa o levara a dicir tal cousa. Do mesmo xeito eu, chego a conclusión que por moito que, o Estado Español é a súa Constitución recoñeza algúns dereitos e liberdades como fundamentais, o imperio da Lei así como unha representatividade conforme ao voto dos cidadáns nuns procesos electorais nos que periodicamente compiten diferentes partidos políticos, a súa democracia vai recuando, amosando as súas debilidades, dependencias, limitacións, grazas entre outr@s a quen un día a santifica e ao seguinte a utiliza como arma contra @s contrari@s. Feijóo é unha boa probatoria desta conclusión.