Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2022 | Actualizada ás 17:03
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) liderará un proxecto europeo de restauración de dunas e hábitats insulares, coa colaboración da Xunta, dentro do marco do programa 'Life Insular'.
Foi asinado o convenio co que a área de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda financiará o estudo coa achega de algo máis de 5,2 millóns de euros. Este estudo centrarase na investigación da "adaptación fronte aos efectos derivados do cambio climático" das illas galegas Cíes, Ons e Sálvora, A Graciosa e o territorio insular de Irlanda.
O reitor da USC, Antonio López, subliña a "dimensión transcedental" deste 'Life Insular', "do que Galicia e o seu patrimonio natural será o principal beneficiario". Agradecido pola colaboración do Executivo galego, López tamén puxo o foco "no importante labor de I+D+i que se está desenvolvendo no Ibader".
O obxectivo que persegue o programa 'Life', no que traballan da man España e Irlanda, pasa "por implementar unha estratexia integrada de xestión sustentable dos hábitats insulares integrados na Rede Natura 2000, co fin de avanzar na restauración de paisaxes naturais que presentaban estas illas galegas hai medio século".
LIFE INSULAR
O proxecto 'Life insular' porá o foco de atención sobre os ecosistemas de cinco illas: Cíes, Ons, Sálvora, A Graciosa e a irlandesa. Levaranse a cabo unha serie de intervencións para a restauración integral de "dunas grises e matogueiras secas das cinco illas atlánticas co obxectivo de aumentar a superficie dunar e reducir as plantacións forestais e controlar ou erradicar a invasión de especies tóxicas".
O director do Ibader, Pablo Ramil Rego, destaca que este novo "Life permitirá dar continuidade ao labor que desenvolve desde hai décadas o Instituto a favor da conservación do medio natural, ademais de reforzar a súa pegada internacional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.