O próximo 8 de setembro comezarán as clases con case 6.000 alumnos menos

ESO e Bacharelato rexistran un lixeiro aumento de matriculados, pero Infantil, Primaria e Educación Especial suman 6.861 matriculados menos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2022 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Este xoves 8 de setembro un total de 311.179 alumnos galegos volverán ás aulas, 5.725 menos que no curso pasado. Aínda que ESO e Bacharelato rexistran un lixeiro aumento de matriculados, 390 e 746 máis respectivamente, a baixada é xeneralizada en Infantil, Primaria e Especial, que suman 6.861 matriculados menos. Os datos de Formación Profesional aínda non están dispoñibles, xa que o proceso de matriculación acaba o día 6.

Segundo informa a Consellería de Educación, en total serán 1.591 os centros educativos que inicien a súa actividade o vindeiro xoves, 1.206 de titularidade pública. No que respecta ao profesorado, sinalan que os datos definitivos aínda non están dispoñibles, "pero a previsión é que se superen as cifras previas á pandemia, en termos similares aos do ano pasado, aínda que con variacións propias da adaptación ás necesidades de cada etapa".

O titular autonómico de Educación, Román Rodríguez, destacou que o novo curso académico chega marcado por varios aspectos: a supresión de case todas as medidas Covid, "que supón volver á tan ansiada normalidade", a aplicación da Lomloe nos cursos impares e "a adecuación á situación demográfica que impacta sobre o sistema educativo".

"Temos, respecto ao curso previo á Covid, 15.000 alumnos menos en infantil e primaria, e hai unha adecuación dos recursos humanos e materiais á situación, a pesar do que hai 130 unidades máis", defendeu Rodríguez. Por etapas, en educación infantil hai 51.757 matriculados para este curso 2022-2023, 4.906 menos que o curso pasado; 129.063 en primaria (1.885 menos); e 1.080 en educación especial (70 menos). En Educación Secundaria Obrigatoria son este curso 95.100 alumnos (390 máis) e en Bacharelato ordinario son 34.179 (746 máis).

NOVOS PLANS EN MARCHA

Ademais destes datos, o conselleiro fixo referencia ás iniciativas que ten en marcha a Xunta en Educación, tales como a Estratexia Educación Dixital 2030, os Polos Creativos, a Estratexia Galega de FP 2030, a Estratexia de Linguas Estranxeiras ou o Plan Lea (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares.

Avanzou ademais que a Administración autonómica "traballa para dar luz verde este outono" a novos plans en ámbitos como a convivencia ou a inclusión. "O obxectivo é manter o nivel do noso ensino, un modelo de éxito grazas ao que alcanzamos os mellores resultados académicos da nosa historia, cunha redución do abandono escolar de case 18 puntos, ata mínimos históricos, ou o liderado en estudos de prestixio a nivel internacional como o informe PISA", explicou.

Román Rodríguez avanzaba estes datos tras visitar este sábado en Ourense o instituto As Lagoas, onde a Xunta de Galicia inviste máis dun millón de euros na súa rehabilitación. Tal e como detallan nun comunicado, o proxecto forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que, dotado con 191 millóns de euros, busca "deseñar un modelo pioneiro de escolas poscovid que mellore o día a día de alumnos e profesorado, modernice e adapte os edificios ás novas metodoloxías educativas e contribúa ao aforro enerxético".

Román Rodríguez visita en Ourense o IES As Lagoas con motivo do inminente inicio do curso escolar. XUNTA DE GALICIA
Román Rodríguez visita en Ourense o IES As Lagoas con motivo do inminente inicio do curso escolar. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta