Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2022 | Actualizada ás 20:10
O Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega rexeitou e denunciou o que consideran un "intento de manipulación do profesorado en prácticas" por parte da Consellería de Educación, que "obrigou" a asistir a un acto "carente de significado académico", que tachan de "propagandístico".
Segundo relatan nun comunicado, tras as oposicións ás que se somete o profesorado, segue un período de prácticas dun ano. A Consellería, explican, decidiu programar actos de benvida os días 1 e 2 de setembro --para profesorado de Primaria e de Secundaria--.
"Contra isto Nova Escola Galega, non ten nada que dicir, pois poderían formar parte dun protocolo de boas prácticas de acollida ao profesorado que se incorpora ao sistema. Agora ben, cando este, en aparencia ben intencionado acto convértese, como parece evidenciarse, nunha montaxe propagandística partidista, parece claro que non pode ser asumible que se tente manipular todo un colectivo para sacar réditos políticos", aclaran.
Denuncian os feitos porque tras o acto do día 1, "ao que acudiu un número ínfimo de opositores", a Consellería entrou en contacto co profesorado para "comunicarlles a obrigatoriedade da asistencia ao acto do día 2". "Ningunha disposición normativa regula tal acto, que só acabe interpretar en clave política", insisten.
O movemento tacha de "intolerable, caciquil e mezquino" esta forma de proceder xa que, ademais de ser "reprobable en si", eses días os centros educativos reunían aos seus claustros para a programación do curso. "A Consellería, no canto de facer o posible para que os seus traballadores cumpran co seu traballo nun momento tan delicado, obrígaos a trasladarse desde calquera punto de Galicia ao acto", lamentan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.