Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2022 | Actualizada ás 13:52
A Xunta prevé que este mes estea aprobada a nova lei de áreas empresariais, que, entre outras cuestións, simplifica trámites, segundo apuntou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez.
Pola súa banda, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, reclamou chan industrial para captar empresas con motivo dunha reunión coa conselleira sobre a citada lei.
Sobre a mesma, e en declaracións aos xornalistas, Vázquez manifestou que agora se está na tramitación parlamentaria polo que "a previsión é que se aprobe a última semana de setembro".
Fontenla pediu, á súa vez, á Xunta evitar calquera tipo de "discriminación con respecto a outra comunidade". "É fundamental ter industria e para iso temos que ter chan", demandou. Actualmente, dixo, hai unha "gran liberdade" e as compañías pódense instalar "en Galicia, noutra comunidade ou mesmo noutro país". Por este motivo, considerou necesario ser "moi competitivos" e "axudar á súa implantación" na comunidade autónoma galega por ser "creación de emprego e de riqueza".
CARACTERÍSTICAS
Vázquez, pola súa banda, lembrou que esta lei "pretende simplificar, axilizar e sobre todo facer máis fácil a implantación de empresas en Galicia" porque ter industrias "é sinónimo de postos de traballo de calidade".
A conselleira destacou algunhas novidades que inclúe a nova norma no que a instrumentos de ordenación das áreas empresariais se refire como o 'plan estructurante' ou a figura "fundamental" das entidades de conservación e das reservas estratéxicas de chan. Ademais, incidiu en que con esta lei "non deben pasar máis de nove meses" --fronte aos 21 actuais-- desde o prazo de aprobación dos proxectos de urbanización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.