Un traballador que faga a diario o traxecto A Coruña-Vigo pola AP-9 terá que pagar 708 euros ao ano máis que no 2022

Lonxe de lograrse o seu rescate e a súa gratuidade, as peaxes da AP-9 continúan subindo de prezo un ano máis, chegando a pagarse máis dun euro de diferenza en certos tramos con respecto ao ano anterior.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/01/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A maior parte da poboación galega concéntrase nas provincias de costa e, nelas, a principal vía de comunicación por estrada é, sen lugar a dúbidas, a AP-9, pois aínda que hai traxectos equivalentes por estrada convencional, o certo é que os tempos de viaxe se incrementan de tal forma que non compensa optar por estas alternativas. Esta autoestrada, en mans da concesionaria Audasa, mantén unhas das peaxes máis elevadas de España e de Europa e, aínda que este ano houbo iniciativas para lograr o seu rescate e o fin da prórroga da concesión, lonxe diso, a realidade é que dende o 1 de xaneiro as peaxes que teñen que pagar os condutores por circular pola mesma incrementáronse substancialmente, chegando a tramos (como é o caso do de A Coruña-Vigo) que subiron en máis dun euro o seu custo. Dende o Galicia Confidecial realizamos unha análise sobre o que supón para o peto dun traballador que ten que realizar certos traxectos pola AP-9 a diario ao cabo do ano.

AP-9, autoestrada, peaxes
AP-9, autoestrada, peaxes | Fonte: AUDASA - Arquivo

Así, se nos poñemos no caso dun traballador que ten que viaxar nos días laborais entre A Coruña e Vigo, ou viceversa, este terá que desembolsar a diario 1,05 euros máis este 2025 en peaxes que no 2024, pasando así dos 19,40 euros aos 20,45; e 2,95 euros máis que no 2022, cando a peaxe entre estes dous municipios custaba 17,50 euros. Ao tratarse dun condutor recorrente, supoñemos que ten telepeaxe, de maneira que se verá beneficiado do retorno gratuíto dentro das 24 horas seguintes á saída da autoestrada. Así, ao mes (5 días por 4 semanas darían un total de 20 días ao mes) tería que desembolsar un total de 409 euros. Esta cifra daría un total de 4.908 euros ao ano. Aínda que por facer máis de 20 viaxes ao mes obtería un desconto adicional do 50 % nos seus traxectos, de maneira que eses 409 euros poderían reducirse a 204,5 euros, o que serían 2.454 euros ao ano. Facendo eses mesmos cálculos, no 2024 que acaba de rematar o desembolso tería sido de 388 euros mensuais e de 4.656 anuais, ou de 194 e de 2.328, cos descontos de recorrencia. Estamos a falar de diferenzas entre un ano e o seguinte de 252 euros ou de 126 euros. No 2022, o desembolso mensual sen descontos era de 350 euros, o que ao ano farína 4.200, é dicir, 708 menos que na actualidade, ou 354, aplicando a bonificación por recorrencia.

Pasando ao suposto dun condutor que realiza viaxes durante os días laborais entre A Coruña e Santiago, ou viceversa, dende o 1 de xaneiro está obrigado a pagar 8,40 euros diarios, é dicir, 0,45 euros máis que no pasado ano (cando a mesma peaxe custaba 7,95 euros) e 1,2 euros máis que no 2022 (cando custaba 7,20 euros). A final de mes, e tendo en conta xa que as viaxes de retorno lle sairían gratis, tería que pagar por facer este traxecto un total de 168 euros, que, ao ano, se convertirían en 2.016 euros. Aplicando o desconto do 50 % por superar os 20 traxectos pola AP-9 mensuais, eses datos quedarían en 84 euros ao mes e 1.008 ao ano. No 2024 eses prezos eran de 159 euros mensuais e 1.908 anuais, sen descontos, o que serían 108 euros menos; ou de 79,5 e 954, con descontos, o que suporía 54 euros máis ao ano.

Poñémonos agora no caso dun traballador que fai a diario durante os días de semana o percorrido de Santiago a Pontevedra, ou viceversa. Este 2025 xa estará pagando 0,35 euros máis que no ano anterior, pasando a peaxe entre estes dous concellos de custar 6,85 a 7,20 euros; e a frioleira de 1,05 euros máis que no 2022, cando esa mesma peaxe custaba 6,15 euros. Ao mes, esta cantidade suporía que o traballador en cuestión tería que deixarse 144 euros en peaxes, o que, ao ano, darían un total de 1.728 euros, xa aplicando o traxecto de volta gratuíto dentro das 24 horas seguintes ao abandono da autoestrada. Se aplicamos a bonificación do 50 % por tratarse dun usuario que fai máis de 20 traxectos ao mes, as cifras quedarían en 72 euros ao mes e 864 ao ano. No recén rematado 2024 ese mesmo condutor gastaba 137 euros ao mes en peaxes e 1.644 euros ao mes, sen desconto por recorrencia; ou 68,5 euros ao mes e 822 ao ano. Isto supón que no 2025 gastará 84 euros máis ao ano sen descontos ou 42 euros máis coa bonificación por uso recorrente da vía.

Finalmente, analizamos tamén o suposto dun condutor que circula a diario entre Pontevedra e Vigo, ou viceversa, pola AP-9. A peaxe neste tramo subiu este 2025 un total de 0,25 euros, pasando de custar 4,6 en 2024 a chegar xa aos 4,85 euros neste novo ano. Como nos supostos anteriores, partindo xa da base de que as viaxes de volta lle saen gratis, ao mes este traballador gastaría 97 euros en peaxes, o que equivalería a 1.164 euros ao ano. Se a estas cifras lle aplicamos o desconto por recorrencia, ao facer máis de 20 viaxes ao mes, quedarían en 48,5 euros ao mes e 582 ao ano. No 2024 o gasto que tiña este condutor era de 92 euros ao mes ou de 1.104 ao ano, sen descontos; ou de 46 euros ao mes e 552 ao ano coa bonificación por recorrencia. Desta maneira, as diferenzas para o peto do traballador ascenden a 2,5 euros ao mes e 30 euros ao ano neste 2025 con respecto ao pasado ano.

Peaxe da AP-9
Peaxe da AP-9 | Fonte: Youtube - Arquivo

Ademais destes casos, outros traxectos que son empregados a miúdo polos condutores galegos tamén incrementaron substancialmente os seus prezos. Así, o traxecto de Fene a Miño pasou de custar 2,35 euros no 2024 a estar xa nos 2,50 euros neste 2025 (0,15 euros máis), cando no 2022 custaba 2,15 (0,35 euros menos); o tramo de Rande a Vigo pasou dos 1,1 euros do pasado ano aos 1,20 euros do actual (0,10 euros máis), tamén por enriba do euro que custaba esta peaxe no 2022 (0,20 euros menos). Pola súa banda, o tramo de Santiago a Padrón subiu dende os 2,85 euros que custaba no 2024 ata os 3 euros que custa na actualidade (0,15 euros máis), moi por enriba dos 2,60 que custaba no 2022 (0,40 euros menos); e para ir dende Ferrol ata A Coruña, agora hai que gastar 5,90 euros, cando o pasado ano eran 5,60 (0,30 euros máis), e no 2022 eran 5,05 (0,85 euros menos).

Coches nunha peaxe en autoestrada
Coches nunha peaxe en autoestrada | Fonte: Xunta de Galicia - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta