Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 19:47
O Parlamento galego pide declarar de interese público superior as centrais hidroeléctricas reversibles, por mor dunha iniciativa do PP que contou co apoio do PSdeG e o rexeitamento do BNG.
Tamén demanda a Cámara que se garanta a construción das infraestruturas de almacenamento necesarias, "sempre que non supoñan novos obstáculos o leito dunha masa de auga superficial", destaca o PP.
Na comisión de industria, a deputada popular Marta Nóvoa explicou que "deberá realizarse unha análise, caso por caso, garantindo que se tomen todas as medidas para paliar posibles efectos desfavorables sobre o medio, que exista un interese público superior e que non exista outra solución técnica que sexa ambientalmente mellor".
Por parte do BNG, a deputada Noa Presas dixo "desconfiar" das intencións do grupo maioritario, entre sospeitas sobre se será un intento de "lexitimar" unha posterior modificación a través da lei de acompañamento aos orzamentos. Mentres, a socialista Begoña Rodríguez Rumbo mostrouse a favor da proposta "porque dá cumprimento" ás directrices europeas, e subliñou a relevancia de que se faga "con todas as garantías ambientais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.