Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2022 | Actualizada ás 13:07
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou a "inacción" e "inoperancia" da Xunta en materia de prevención do suicidio e criticou a "ocultación inxustificable" da publicación dos datos básicos sobre mortalidade por suicidio.
A día de hoxe, remarcan nun comunicado, aínda non se fixo público o informe do Imelga de 2021. "Non se trata de enquisas epidemiolóxicas, senón de datos que xa obran en poder da institución nos primeiros días do ano en curso. A que obedece este atraso?, que fai que os datos achegados (xa escasos de seu pola pouca información que proporcionan) non sirvan para dirixir a acción preventiva?, Que hai da obrigada transparencia á que se deben os gobernos?", pregúntanse.
A "calidade, axilidade e regularidade" destes datos, defenden nun comunicado publicado con motivo da celebración o 10 de setembro do Día Mundial de Prevención do Suicidio, son un dos alicerces "básicos" na prevención do fenómeno.
Nesta liña, o lema elixido para este ano é 'Esperanza a través da acción'. "Non se van a producir cambios, e non serán cambios estruturais que invistan a tendencia negativa actual se non hai unha vontade decidida para facelo e non se dota de liderado, recursos e organización", aseguran.
A este respecto, abordan tamén o Plan Galego de Prevención do Suicidio, publicado en 2017 e que, "tras a presión cidadá nos meses previos á súa elaboración, non publicou ata agora a súa memoria anual de actividade e seguimento, nin informe de resultados". "Non poden utilizar o contexto da pandemia para diluír responsabilidades ante a inacción que se está mantendo de forma obstinada", insisten.
O Movemento anuncia que o 10 de setembro, ás 20,00 horas, sairán á compostelá Praza de Praterías, onde darán unha badalada por cada persoa que se suicidou durnate o pasado ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.