"A dependencia económica das parellas leva as moitas mulleres a soportar anos todo tipo de violencia"

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou que "para as vítimas de violencia de xénero o Ingreso Mínimo Vital do Goberno pode supor un paso definitivo para saír do pozo dos malos tratos"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou este xoves que "para as mulleres vítimas de violencia de xénero o Ingreso Mínimo Vital do Goberno pode supor un paso definitivo para saír do pozo dos malos tratos", pois achega "a independencia económica necesaria para que as vítimas inicien unha nova vida".

Maica Larriba fixo estas declaracións durante a presentación da xornada 'Prestacións da Seguridade Social: Ingreso Mínimo Vital', que esta mañá se desenvolveu na Subdelegación do Goberno como arranque da axenda de actos ao amparo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Nesta actividade formativa participaron unha trintena de profesionais que traballan directamente con vítimas de violencia de xénero ou de trata. A subdelegada do Goberno lembrou que "a dependencia económica das parellas leva as moitas mulleres a soportar anos de todo tipo de violencia, ao carecer de alternativa coa que iniciar unha nova vida".

A subdelegada incidiu en que redistribuír a renda para erradicar a pobreza extrema, favorecer a inclusión social e fomentar a participación das persoas en situación de vulnerabilidade, son os "obxectivos principais" dunha decisión impulsada polo Goberno para "protexer as unidades familiares sen ingresos regulares", que xa perciben na provincia de Pontevedra unhas 15.000 persoas.

Maica Larriba sinalou que, "fronte os que negan a realidade da violencia machista como negan a pobreza ou o cambio climático, están as mulleres que cada día son máis valentes e atrévense a denunciar".

A subdelegada tamén sinalou que cando asumiu este cargo había inscritas pouco máis de 1.000 vítimas no sistema Viogén "e catro anos despois estase preto das 1.400, non porque haxa máis violencia machista, senón porque as mulleres romperon o tabú e denuncian máis". "Tamén son conscientes de que contan con todo o apoio deste Goberno e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado", agrega.

Axuda contra a violencia de xénero.. XUNTA
Axuda contra a violencia de xénero.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta