Confirmado un ERE na empresa Coremain para as "próximas semanas" que atribúe á caída dos prezos

A dirección de Coremain "tomou a determinación de axustar o seu persoal para acometer exclusivamente aqueles proxectos que ofrezan economicamente a posibilidade de xerar emprego de valor en Galicia e seguir ofrecendo os seus servizos coa altísima calidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2022 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

A dirección da empresa galega Coremain confirmou este sábado que "nas próximas semanas" levará a cabo un ERE extintivo, aínda que cun número de traballadores afectado que "está aínda por determinar" e que se comunicará aos representantes sindicais. Os sindicatos avanzaran o venres esta decisión.

Nun comunicado, a compañía apunta que esta medida, "que se tentou evitar custe o que custe", está provocada por "o forte axuste de prezos do mercado" en combinación con "o incremento dos custos laborais no sector TIC", que fai "imposible continuar con determinados contratos no nivel de calidade polo que sempre apostou e garantindo a satisfacción do cliente".

O "peso desproporcionado do prezo nos procedementos de concorrencia competitiva", sinala Coremain, "está a provocar unha inviabilidade de certos contratos" que a empresa "non está disposta a asumir", xa que, de facelo, "levaría un empeoramento das condicións laborais dos seus traballadores, a fuga de profesionais do sector TIC fóra de Galicia ou a deslocalización do servizo fóra" da comunidade.

Por tanto, a dirección de Coremain "tomou a determinación de axustar o seu persoal para acometer exclusivamente aqueles proxectos que ofrezan economicamente a posibilidade de xerar emprego de valor en Galicia e seguir ofrecendo os seus servizos coa altísima calidade".

Ao mesmo tempo, e como estratexia de crecemento futuro, "Coremain seguirá apostando por produtos propios e de alto valor engadido, que teñen un valor diferencial respecto dos ofrecidos no mercado e cos que confía en volver recuperar o seu actual nivel de emprego", recolle o comunicado.

Coremain
Coremain | Fonte: Google Maps.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xurxosalgado

AVISO. Avisamos seriamente ás persoas que suplanten a identidade doutra persoa que corren o risco de ser denunciadas. Calquera acción nese sentido será duramente reprimida por parte deste medio. Un saúdo