Igape reivindica unha "ambiciosa" axenda financeira con 135 millóns

Son "algunhas" das que recibiron o visto e prace e correspóndense co tres primeiros trimestres do ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2022 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O director do instituto galego de promoción económica (Igape), Fernando Guldrís, reivindicou a disposición dunha "ambiciosa" axenda financeira para este ano 2022 dotada de 135 millóns, antes de sinalar que "algunhas operacións autorizadas", con datos dos tres primeiros trimestres do ano, alcanzan os 14,4 millóns de euros.

En concreto, de acordo coa comparecencia a petición propia de Guldrís na comisión parlamentaria de economía, estes 14,4 millóns correspóndense con 3,4 millóns de euros comprometidos por Xesgalicia en proxectos relacionados sobre todo con innovación e con outros 11 millóns en instrumentos de débeda vinculados con iniciativas industriais.

Mentres o PP valorou, na comisión, a "capacidade de reacción" da Xunta ante o actual escenario de crise postpandemia e pola inflación e os efectos da guerra en Ucraína, o BNG reclamou medidas de apoio "máis ambiciosas" e o PSdeG criticou o nivel de execución do Igape con respecto aos fondos que habilita.

Pola súa banda, o director do instituto defendeu "traballar para dar resposta ao novo desafío que representa a espiral inflacionista", con axuda a "sectores estratéxicos" e "novos sectores". A axenda financeira de 2022, como xa anunciou a Xunta no seu día, prevé mobilizar ao redor de 400 millóns de euros "para reactivar a economía e mellorar a competitividade", destacou Guldrís.

Cun volume de investimentos directos fixado en 135 millóns, o Igape estrutura as medidas en tres eixos: reforzo de capital, acceso a instrumentos de débeda e oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito. No primeiro apartado, do capital, o responsable do Igape apuntou a fórmulas e ferramentas "cada vez máis utilizadas" en Galicia e tamén apuntou ao impulso de "acordos coas principais xestoras de fondos de capital risco a nivel nacional para favorecer a atracción de capital privado".

No segundo, con préstamos directos e financiamento de proxectos innovadores, chamou a atención sobre a novidade que supoñen "préstamos parcialmente reembolsables", con 4 millóns de orzamentos. Por último, sobre a concesión de garantías, hai un programa de avais e outro de reavales, e unha "liña específica de avais para empresas afectadas polo incremento de prezos de subministracións ou combustibles".

OPOSICIÓN

O socialista Gonzalo Caballero censurou "falta de orientación na política económica da Xunta" e advertiu de que "se non hai unha folla de ruta, o escenario de remar non ten un obxectivo claro e non consegue os resultados". O nacionalista Ramón Fernández Alfonzo recriminou ao Goberno galego estar "a velas vir" e reclamou a creación dunha empresa pública de enerxía ante a inflación "desbocada".

O director do Igape, Fernando Guldrís. CAPTURA
O director do Igape, Fernando Guldrís. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta