Por Galicia Confidencial | Allariz | 25/09/2022 | Actualizada ás 10:00
Un total de 24 establecementos hostaleiros ofertarán menús e tapas no que o ingrediente principal será a carne de boi de Allariz entre os días 30 de setembro e 12 de outubro.
Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, e María López, concelleira de Promoción Económica veñen de presentar a imaxe do evento e daban conta dalgunhas da actividades lembrando que nos vindeiros días coñeceranse na páxina web do concello as propostas que ofrecerán os establecementos locais participantes.
Nesta edición, con máis negocios de hostalería e máis variedade de elaboracións, haberá concurso de tapas como xa vén sendo habitual, varias actividades no Mercado da Reserva e por suposto premios para as persoas que se acheguen nestes días a degustar este manxar a Allariz e participen nos sorteos.
Este ano volve o premio Papando no Boi. Un recoñecemento que xurdiu o ano pasado para premiar a primeira persoa de Allariz que consuma todas as tapas. Como condición para recibir este premio, a persoa deberá contar con tarxeta cidadá de Allariz.
Haberá sorteo de varios vales para gastar no Comercio Local, así como un premio xeral que se sorteará entre todas as papeletas que teñan consumidas todas as tapas.
CRÍA DE CARNE DE BOI, UN PROXECTO CONSOLIDADO
As xornadas de dinamización da hostalería local cumpren once anos de celebración vinculadas ao proxecto de cría de carne de boi, un programa caracterizado pola cría de bois en extensivo para producir carne de calidade e comercializar un produto diferente.
Ademais, esta cría en extensivo axuda a manter a superficie forestal limpa para evitar incendios e rexenerar os pastos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.