Formoso ve Ferrol unha urbe "maldita politicamente" porque "non repite nunca un alcalde"

Pide deixar "estar oito anos" ao rexedor "que sexa" para que poida desenvolver o seu proxecto e ratifica que Matogueira será candidato do PSOE

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou que Ferrol é "unha cidade que está maldita politicamente, onde non repite nunca un alcalde", o que baixo o seu punto de vista fai merecer "unha reflexión como cidade", xa que é "imposible desenvolver un proxecto político". Así o trasladou no ciclo 'Conversas non Parador', que organiza o Club de Prensa de Ferrol neste establecemento hoteleiro da cidade naval.

"Cando se aposte por un alcalde, deixalo estar oito anos, sexa quen sexa, respectando a vontade democrática dos ferroláns, como non pode ser doutra maneira, pero teñamos intelixencia política de darlle unha marxe de tempo para demostrar o seu proxecto político", apelou.

Neste encontro cos medios de comunicación tamén se deron cita, entre outros, o alcalde de Ferrol, Anxo Mato (PSOE), o rexedor de Valdoviño (A Coruña), Alberto González (PSOE), e o bispo de Diocese de Mondoñedo-Ferrol, ao que González Formoso lle agradeceu a súa presenza.

A preguntas dos xornalistas sobre se el volverá ser o candidato do PSdG á Alcaldía das Pontes, asegurou que este asunto "terá que ser debatido no seo da agrupación local" e que, "por respecto", non trasladou a súa decisión.

Máis claro tívoo cando se lle interpelou sobre se Matogueira volverá ser o candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Ferrol. "Aínda que Anxo Mato é o que ten que dar esa primicia, pero pódovos apuntar que será o candidato en Ferrol, xa que para nós é un valor moi, moi en alza, moi potente, tanto a nivel comarcal como galego", esgrimiu.

FERROCARRIL

Na súa intervención, González Formoso tamén reclamou melloras no ámbito ferroviario para Ferrolterra. "Non pode esta comarca quedar á marxe do progreso e das oportunidades que nos dá a alta velocidade, dunhas conexións nun tempo razoable e o que estamos a pedir é unha conexión coa alta velocidade que sexa o suficientemente digna para que opere como unha opción de mobilidade", esgrimiu.

"Queremos algo plasmado nos orzamentos do próximo ano, sabemos que todas as demandas son lexítimas pero queremos ver sinais claros de que hai un compromiso con esta infraestrutura", engadiu.

O tamén secretario xeral do PSdG volveu a reclamar a construción dun dique seco cuberto para o estaleiro de Navantia Ferrol, unha infraestrutura que cualificou como "fundamental para o desenvolvemento do estaleiro", e a creación de chan industrial, porque "non hai un só metro para poder ofrecer a empresas ou investidores", ao mesmo tempo que estimou que, "sen chan industrial, o futuro de Ferrol é complicado".

TRANSPORTE POR ESTRADA

Máis crítico foi González Formoso á hora de abordar o transporte público de viaxeiros por estrada, sobre todo con cidades como A Coruña. "É vergoñoso como opera na actualidade o transporte Coruña-Ferrol. Non se sabe cando vai pasar o bus, a xente non chega ao traballo", dixo, centrando as súas críticas en "as políticas da Consellería de Ethel Vázquez, que supuxeron a desaparición de 60 empresas de transporte tradicionais en Galicia, varridas por unhas poucas grandes empresas", citando aquí a "Alsa, Monbús e Arriba".

Finalmente, instou á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao a que "rebaixe un 30% as taxas portuarias, o máximo que permite a Lei, para aumentar a competitividade das instalacións e beneficiar á economía de toda a comarca".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta