Por Galicia Confidencial | Santiago | 29/09/2022 | Actualizada ás 12:45
Nos últimos dous anos o forte incremento do número de persoas adultas con diabetes é preocupante e alerta ás autoridades sanitarias xa que afecta a máis de 5 millóns de persoas en España. Tamen son máis de 1,5 millóns de persoas que non saben que padecen diabetes. Segundo os expertos, hai que ter en conta que para detectar a diabetes “hai síntomas frecuentes que son determinantes”, aínda que moitos deles non son valorados como debesen. O gasto sanitario derivado da diabetes supera os 5.800 millóns de euros ao ano e 2.143 débense a complicacións xeradas pola patoloxía, polo que un rápido diagnóstico e unha correcta educación sobre a alimentación reduciría esa cifra.
Segundo o Estudo Diabetes que recolle esas cifras, publicado polo Centro de Investigación Biomédica en Rede Diabetes e Enfermidades Metabólicas Asociadas (CIBERDEM), hai un 30,3% de poboación con diabetes en España que non sabe que a ten. A Comunidade Autónoma máis afectada é Andalucía, onde se superan os 270.000 casos sen diagnosticar, seguida de Cataluña (246.406) e Madrid (211.845). Pola contra, é La Rioja, a Comunidade con menos casos sen diagnosticar superando lixeiramente os 10.000 pacientes.
A Federación Española de Diabetes (FEDE) vén destacando a importancia da detección temperá. Algo no que coinciden os expertos, que remarcan que hai que estar atento ao que parecen sensacións sen relevancia, pero que acaban sendo síntomas de diabetes. “Hai síntomas que son subestimados como a sede, as ganas de ouriñar ou o apetito incrementado, pero son determinantes”, indica Mariana González, responsable médica da compañía española Health Training Lab, especializada en plans nutricionais e deportivos para persoas con diabetes.
Estes síntomas poden ser o debut dunha diabetes tipo 1, cuxos pacientes adoitan debutar nesta forma súbita xa que teñen rápida evolución cando se produce a destrución de gran parte da produción de insulina. Isto mesmo pode aparecer na diabetes 2, aínda que adoita vincularse con maior tempo de evolución e máis risco de complicacións. É por iso que se necesitan, como alertan os expertos, diagnósticos temperáns.
A diabetes tipo 2 ten á súa vez unha perda de produción de insulina, pero por mecanismos diferentes aínda que o resultado final é o mesmo: a falta de produción de insulina. Adoita ser máis habitual en persoas con sobrepeso ou maiores de 40 anos, mentres que o tipo 1 adóitase dar en adolescentes e nenos, sen verse vinculado co peso do paciente. Os especialistas lembran que non hai idade para a aparición da diabetes e que a súa detección precoz é a clave do bo prognóstico.
“A diabetes é unha patoloxía silenciosa. A característica de ser asintomática durante un longo período de tempo e en moitos casos, anos, é típica na forma de diabetes 2. Este tipo é o máis frecuente”, asegura a experta de Health Training Lab, que sitúa en preto do 90 % os pacientes con diabetes que teñen esta presentación tipo 2. Ademais, destaca o crecemento do 42% de pacientes con diabetes nos dous últimos anos, deixando unha prevalencia elevada do 14,8% e colocando a España como o segundo país con máis casos de toda Europa por habitante.
“O feito de ser asintomática favorece que se vaian establecendo danos nos tecidos, que logo se van manifestar como complicacións. A súa procura preventiva realízase cun simple estudo de valoración da cantidade de glicosa que mostra un individuo no sangue estando en xaxún. É por iso que motivamos a impulsar a detección precoz”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.