Verín saca músculo do seu potencial termal en 'Termatalia'

O Concello de Verin participou na Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar que rematou este 30 de setembro en Expourense. Nesta edición, e cun stand individual, puxo en valor o potencial termal da vila.

Por Galicia Confidencial | Verín | 01/10/2022 | Actualizada ás 10:05

Comparte esta noticia

As persoas que visitaron o stand de Verín trasladáronse a principios do século XX a través dunha reprodución dunha buvette histórica (duns 12 m de longo e 4 m de ancho), na que puideron contemplar unha galería de imaxes sobre o pasado, presente e futuro desta vila termal. Por outra banda, tamén se puideron degustar todas as súas augas mineiro-medicinais a través de dispensadores; permitindo ao visitante apreciar in situ as diferentes particularidades de cada unha delas.

Diego Lourenzo e Gerardo Seoane en Termatalia. Foto: Prensa Concello de Verín.
Diego Lourenzo e Gerardo Seoane en Termatalia. Foto: Prensa Concello de Verín.

Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro de Turismo de Verín, comentou que "estamos a facer unha firme aposta por unha optimización da xestión do noso gran patrimonio termal, así como das nosas augas mineiro medicinais".  Lourenzo tamén quixo destacar a posición estratéxica que ten a vila, situada a 20 quilómetros da cidade de Chaves, un feito que "converte a este territorio no de maior concentración termal e mineiro-medicinal da península".

Pola súa banda, o alcalde, Gerardo Seoane, salientou que se está a traballar "na planificación e desenvolvemento dun turismo sostible coa finalidade de converter ao municipio nun destino integral. O valor diferencial do mesmo será a calidade das súas augas mineiro-medicinais e o potencial da nosa arquitectura termal; que se potenciará fomentando a creación de sinerxías co resto da oferta gastronómica, vinícola e cultural". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta