“Gústame que o que escribo sobre a ciencia”, Anxo Mena, poeta e investigador marítimo

Falamos co gañador do XXXIV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé no 2021, un licenciado en Ciencias do Mar e Doutor pola Universidade de Vigo que traballa o eido poético buscando, como di el, “consciente ou inconscientemente, que os poemas sexan incluso, até certo punto, divulgativos”.

Por X.M. Fernández | Vigo | 09/10/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Anxo Mena Rodríguez é un rapaz de Carral que traballa en Vigo e reside actualmente en Cangas. É licenciado en Ciencias do Mar e Doutor pola Universidade de Vigo, ademais de Investigador especializado en Xeoloxía Mariña e Paleoceanografía.

Anxo Mena nunha presentación. Foto: A.M.
Anxo Mena nunha presentación. Foto: A.M.

Entre os estudos que ten realizado salientar uns sobre a afectación da chegada de icebergs á oceonografía da marxe continental galega durante os últimos 60.000 anos. Na actualidade estuda a pegada das correntes oceánicas profundas no sedimento das bacías mariñas e participa en campañas oceanográficas.

No seu Carral natal, onde vai cada pouco, é membro da Asociación Eco-Cultural Lacrar para a divulgación cultural e científica e de Brexa Custodia do Territorio de Carral.

Alén desta formación e currículo científico-cultural, Anxo sentiu a chamada da poesía dende cativo e o pasado 2021 alcanzou un recoñecemento moi importante a esta paixón creativa gañando o XXXIV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Falamos con el polo miúdo.

Dende cando a túa afección pola poesía?

Exemplares do poemario. Foto: A. Mena
Exemplares do poemario. Foto: A. Mena

A miña afección pola poesía comezou no Instituto David Buján de Cambre, onde se organizaba un certame literario que actualmente leva o nome dun dos profesores que alí había, Xoán Díaz, e sobre todo, a partir do Certame de Poesía de Carral, que se comezou a organizar durante aquela época e que este ano celebrou o seu 25 aniversario. O primeiro deume a oportunidade de comezar a escribir algunha cousiña e o segundo abriume as portas de poesía actual e un comezo para tirar do fío.

En que concursos e que premios acadaches despois, e antes do 'Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé'? 

Despois dos certames devanditos comecei a participar no Premio de Poesía que todos os anos organiza a Universidade de Vigo, e que acadei en 2015, ademais dalgún accesit ou mención. En 2012 gañei o Premio de poesía Díaz Jácome que organiza o Concello de Mondoñedo e logo tamén obtiven unha mención no premio de poesía Rosalía de Castro organizado por la Asociación Cultural Galega de Cornellá.

Que significou para ti este recoñecemento a nivel nacional no 2021? 

Ademais dunha ledicia enorme por ter acadado o premio, ver como se materializaba o poemario nun libro pois supón o compracer unha ansia que tiña dende hai algún tempo.

Que tal as presentacións e como están indo as vendas do poemario?

A verdade é que de datos de ventas non teño coñecemento, pero presentacións si levamos feitas algunhas, en Fene, na propia entrega do premio, en Carral e en Cangas. Todas elas experiencias moi bonitas, nas que puiden entrar en contacto con moita xente e recoller moito agarimo de amigas e amigos, e tamén da veciñanza. Nos próximos meses a ver se podemos facer algunha máis.

A que autores e autoras seguías e segues neste eido literario?

A verdade é que procuro ler todo o que podo. Sería unha lista longa, e por non deixarme a ninguén, mellor non dicir a ninguén (ri).

Con traballo e fillos pequenos... que momentos atopas para escribir?

No bus cando vou traballar ou tamén polas noites na casa. Vou anotando no móbil ideas que me veñen á cabeza e despois desenvólvoas na casa. Son de escribir a impulsos...

A túa profesión de ‘científico do mar’ é totalmente allea á afección literaria ou hai algún tipo de influencia ou de vasos comunicantes?

Gústame que o que escribo soe a ciencia, que os versos teñan algunha referencia ou marco científico. Tento, non sei até que punto consciente ou inconscientemente, que os poemas sexan incluso, até certo punto, divulgativos, non sei se o consigo. Da poesía cara a ciencia non sei se hai algún tipo de fluxo, o que si creo e que hai algún tipo de fronteira moi difusa na que me sinto cómodo.

Por que ese título tan 'aparentemente' surrealista de "Alimentar canarios con ovos da casa"?

Na miña casa, e sei ben que é un feito estendido entre a xente que ten/tiña canarios, dábaselle como complemento alimenticio, ovos cocidos. Parece que lles fai ter unha plumaxe máis xeitosa e é un bo complemento alimenticio. O título, que tamén é un verso do poemario, creo que é unha boa metáfora das sensacións nas que pensaba mentres escribía os textos. 

Que temas aparecen nesta obra premiada?

O eixo central do poemario, dende o meu punto de vista, nace nunha dualidade rural-urbana que causa en min algo de desasosego. Busca a apropiación do espazo, do punto medio de ambos conceptos, un borde limítrofe de largo variable a través de vivencias de ambos mundos. Todo isto, no transfondo de experiencias persoais como a de plantar maínzo nunha terra en desuso, de viaxes no gume atlántico entre Carral e a Universidade. 

Algún proxecto literario entre mans actualmente?

Si, teño algún poemario feito que me gustaría mandar a algún certame, e tamén sigo facendo algún poema. Dende a Asociación EcoCultural Lacrar, da que formo parte, estamos a retomar a actividade, organizando algunhas presentacións de libros e tamén vendo de continuar coas actividades que viñamos facendo relacionadas co día da poesía. 

Presentación do poemario con Miguel Anxo Fernán-Vello. Foto: A. M.
Presentación do poemario con Miguel Anxo Fernán-Vello. Foto: A. M.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta