Falan as vítimas de Angrois... "Esperamos unha sentenza, pero xa non Xustiza"

Case unha década despois comeza o xuízo que moitas vítimas e familias de vítimas estaban esperando. As contradicións, os intentos de arquivar a causa ou as dilacións en procedementos alimentaron o desexo de "coñecer a verdade". Cartas á UE para evitar informes comprometedores, pactos de silencio, causas que pechan e volven abrir, enxeñeiros que non analizan as consecuencias das súas decisións, todo isto está na causa do Alvia accidentado en 2013 na curva de Angrois.

Por Moncho Mariño | Santiago | 05/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A imaxe cando menos era rechamante. O maquinista do tren Alvia accidentado o 24 de xullo de 2013, Francisco Garzón, entraba pola porta principal que daba ao tribunal onde se xulga a causa do accidente. Pola contra, o exdirector de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, entraba pola porta de atrás. Esta secuencia parece un resumo do que ten acontecido durante case unha década despois do acontecido en Angrois, cuxo resultado foron 80 persoas mortas e 145 feridos. Ambos os dous, Garzón e Cortabitarte enfróntanse enfróntanse a catro anos de cárcere por 80 supostos delitos de homicidio, 145 de lesións e un de danos, por imprudencia profesional grave. A expectación arredor do xuízo, “macrocausa” como din moitos, está deixando ver que as posturas entre familias e o Adif e Renfe, son case irreconciliables. Esixencia de responsabilidades fronte a “omertá” das dúas empresas públicas ferroviarias estatais.

A vicepresidenta primeira do Congreso dos Deputados, Ana Pastor en rolda de prensa.. Eduardo Parra - Europa Press
A vicepresidenta primeira do Congreso dos Deputados, Ana Pastor en rolda de prensa.. Eduardo Parra - Europa Press

EMPEZAMOS MAL?

“Empezamos mal” diría o maxistrado ao comezo do xuízo contra os políticos cataláns promotores do “Procés”. Estamos diante dun mal comezo? O primeiro día do xuízo en relación ao accidente do Alvia 01455, a xuíza Elena Fernández Currás aprobou introducir no procedemento un vídeo presentado por Adif  (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) cuxa intención é mostrar erros do maquinista, Francisco Garzón, o día do accidente. A xuíza recolle o vídeo como “proba de parte” mais “sen prexuízo do seu valor  probatorio”. A polémica está servida, pois tanto o diario ABC e La Voz de Galicia anunciaron a existencia do vídeo días antes de comezar o proceso. A mesma xuíza admitía: “cabe pensar todo o que se queira dun vídeo achegado en 2022”, en alusión á proximidade no tempo sobre a aparición das imaxes.

O acontecido no primeiro día de xuízo súmase a unha serie de acontecementos que para a Plataforma de Vítimas son intentos de “tapar todo”. O primeiro acontecemento vén cando o que foi primeiro xuíz instructor, Luís Aláez, pedira o traslado do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago a comezos de 2014 “por motivacións persoais e profesionais”. Aínda así seguiu coa instrucción até ser relevado por Adrés Lago Louro. “Este home (Lago Louro) baixo o meu punto de vista só quixo imputar ao maquinista” di Rogelio Bernardo, membro da Plataforma de Vítimas e cun fillo morto no accidente. Aláez imputara a vinte e dúas persoas, a cúpula de Adif. A Audiencia Provincial da Coruña desestimou esta imputación. Lago Louro arquivara a causa en 2015 co maquinista como único responsable.

“En todos estes anos non houbo unha investigación independente” sinala Jesús Domínguez, presidente da Plataforma de Vítimas. “Houbo atrasos no procedemento con cambio de xuíz, un fiscal que non investigaba e peritos da Xunta que plaxiaban informes do Goberno central” apunta Domínguez. Diante desta situación, familiares de víctimas e sobrevivintes reclamaron diante das autoridades europeas reabrir a investigación. Un informe da Autoridade Ferroviaria da Unión Europea sinalaba falta de independencia nos informes elaborados en España pola CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios). A Audiencia Provincial da Coruña ordena reabrir a causa. Aí é cando aparece a figura de Cortabitarte.

Inaguración da alta velocidade en Santiago, Hernández é o segundo pola dereita en primeira fila, canda Cascos, Feijóo e Pepe Blanco
Inaguración da alta velocidade en Santiago, Hernández é o segundo pola dereita en primeira fila, canda Cascos, Feijóo e Pepe Blanco

FRANKENSTEIN CHEGA A GALICIA

“Frankenstein”, así lle chamaban á máquina accidentada en Angrois. Segundo puido saber a Plataforma e o cineasta Aitor Rei, autor do documental Frankenstein 04155, (que tomou o alcume e número do tren sinistrado para o título), o comboio estaba formado por máquinas, vagóns e máis elementos procedentes doutros transportes.

A máquina circulaba por un trazado inaugurado en 2011 polo ministro de Fomento José (Pepe) Blanco. Anunciouse como a chegada da alta velocidade a Galicia. Juan Domínguez sinala que nunha reunión con Blanco “dixo que quería un tren único no mundo, nós criamos que buscaba presentarse ás eleccións autonómicas en Galicia”. “Blanco quería levar a alta velocidade a Galicia antes das eleccións e mesmo se cambiou o trazado e percorrido” sinala Rogelio Bernardo. Cinco anos despois sóubose que Adif non revisara a seguridade da curva onde ocorreu o sinistro.

A curva da Grandeira, ese é o nome do lugar onde está, ten un trazado perigoso e houbo quen avisou con anterioridade. “O tren tiña un sistema sofisticado de seguridade que non funcionou por unha sere de neglixencias en cadea” sinala Carlos Vázquez Padín, membro da Plataforma de Vítimas e que perdeu un familiar no accidente. “Antes do accidente desconectaran os sistemas ERTMS” que reducirían a velocidade do tren antes de entrar na Grandeira. “Os maquinistas avisaron que a única maneira de frear era avisar ao maquinista 4 km antes da curva”.

Que pasou co ERTMS? En realidade retirouse unha baliza que avisaría para reducir a velocidade. Este sistema foi desconectado por orde de Andrés Cortabitarte, daquela xefe de Seguridade de Adif. Por que? “Polos atrasos que causaba no horario de chegada á Coruña” sinala Juan Domínguez. “A Área de Negocios de Renfe avisou dos atrasos nesa liña polas correccións que se debían facer” logo de que a baliza decelerase o tren, sinalan desde a Plataforma. Cortabitarte deu orde de desconexión do ERTMS sen análise de risco e desde esa “os maquinistas tiñan que tomar referencia desde algunha casa ou dunha farola para ir decelerando”.

DIÑEIRO E PACTOS CON CURVAS

Ana Pastor Julián substitúe a Pepe Blanco en Fomento despois das eleccións xerais de 2011. En 2013 empresas españolas de alta velocidade buscaban levar a licitación de obras no estranxeiro (Latinoamérica e Europa do Leste). “O AVE é unha cuestión de Estado, con miles de millóns de euros detrás e había empresas que poderían perder licitacións no estranxeiro” di Vázquez Padín. “O Secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Rafael Catalá, dixo no seu momento que o tren era de “velocidade alta” e non “alta velocidade”” lembra Rogelio Bernardo.

Este xogo de terminoloxía garda detrás unha manobra económica e empresarial. Un accidente de “alta velocidade” impediría a licitación de obras a empresas españolas neste caso durante cinco anos. Ao ser de “velocidade alta” non sucedería tal cousa. Pepe Blanco inaugurara a “alta velocidade” a Galicia en 2011. A suma de intereses económicos, empresariais e políticos é para moitas persoas envoltas directa ou indirectamente no accidente, a causa de todos os atrancos até hoxe.

Eses atrancos comezaron, segundo as fontes consultadas para esta reportaxe, co “Pacto da Curva”, un acordo entre Ana Pastor (PP) e o xa falecido Alfredo Pérez Rubalcaba (PSOE) polo que ambos partidos non investigarían responsabilidades dun e doutro. A partir de aí, todas as instruccións xudiciais, investigacións e informes estarían limitados. “Houbo funcionarios de Adif que falaron de ambiente de medo mentres investigaban o acontecido co ERTMS” di Jesús Domínguez.

As familias das vítimas e vítimas sobreviventes crearon a Plataforma para apurar ao Goberno para ter unha resposta sobre o acontecido en Angrois. “Todo eran atrasos até que chegamos a Europa” sinala Bernardo. Ese momento cambiou as tornas, un pouco. Os informes europeos criticaban os elaborados polas autoridades españolas e iso empurrou á ministra de Fomento, Ana Pastor, a enviar unha carta á comisaria de Transportes da UE, Violeta Bulc, “avisando” do “perigoso” que resultaría emitir o informe en España. Para moitas persoas afectadas isto foi unha “ameaza velada”.

Que pasou durante as reunións con ministros e exministros? “Ana Pastor recibiunos con amabilidade, con corrección e un sorriso. Prometeu chegar até o final para esclarecer o asunto, “mais todo iso foi hipocresía, logo sóubose o da carta de Pastor á UE para non emitir o informe europeo” di Jesús Domínguez. Sobre Pepe Blanco, Domínguez sinala que “si tivemos reunións con el, non foi tan educado como Pastor, nun momento un pai que perdera o fillo no accidente mostrou notas sobre a inauguración da alta velocidade a Galicia con grandes medidas de seguridade, entón foi cando se lle preguntou se acaso Adif ou Renfe o enganaron, senón el mesmo mentiu á sociedade ou tiña que mentir” lembra Domínguez. “Aí Blanco púxose nervioso e comezou a atacarnos”. Co exministro José Luis Ábalos tamén houbo reunións e “freaba todo, como os outros” di Vázquez Padín.

As causas do accidente de Angrois repousan sobre unha serie de intereses que buscan eludir responsabilidades. Intereses económicos, porque un accidente así dá mala imaxe das empresas españolas de alta velocidade e non poderán licitar obras nun lustro, mínimo. Intereses políticos, porque “o AVE é unha cuestión de Estado” e os dous grandes partidos (PP e PSOE) buscaron tamén eludir responsabilidades en tanto en canto persoas das dúas formacións estaban implicadas na construcción da liña de alta velocidade, no seu trazado e na súa seguridade. A política de ocultamento chegou a silenciar audios do maquinista, crear presuntamente novos vídeos descoñecidos até a data de hoxe e impedir proxeccións de documentais sobre o suceso. Unha frase que resume parte do sentir das vítimas é: “Espero unha sentenza, pero non xa xustiza”.

Accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013. EUROPA PRESS - Arquivo
O ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, á saída da primeira xornada do xuízo polo accidente do Alvia na curva de Angrois, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
O ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, á saída da primeira xornada do xuízo polo accidente do Alvia na curva de Angrois, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta