Bruxelas exclúe do veto á pesca de fondo 41 dos 87 caladoiros

O sector pesqueiro alerta da incerteza que existe nas zonas que non quedan acoutadas polo veto

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2022 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, anunciou este xoves en Vigo que Bruxelas accedeu a excluír do veto á pesca de fondo 41 dos 87 caladoiros afectados polo regulamento da Comisión Europea debido a ter unha profundidade de entre 0 e 400 metros, inferior á que establece a norma, que busca protexer fondos de entre 400 e 800 metros de fondo.

Así o sinalou Planas ante os medios de comunicación no marco da súa visita á Feira Internacional de Produtos do Mar conxelados, Conxemar, onde explicou que desta maneira o veto só afectará a 46 caladoiros do Océano Atlántico no canto da os 87 inicialmente previstos.

Segundo o titular de Pesca, isto é un "avance" e unha "primeira vitoria" xa que permitirá á frota comunitaria seguir faenando nestes espazos, aínda que asegurou que o Executivo presentará de igual maneira o recurso ao regulamento de Bruxelas. Con todo, indicou que o Goberno central non pedirá unha suspensión cautelar da súa entrada en vigor, prevista para o vindeiro domingo, aludindo razóns xurídicas para non facelo.

Luís Planas subliñou que tras comprobacións batimétricas e cartográficas se demostrou que en 41 dos 87 caladoiros que afectaba o regulamento había menos de 400 metros de profundidade, polo que non se atoparían dentro desta norma, como defendía o sector. Por iso, Bruxelas comprometeuse por escrito a excluílos.

Preguntado sobre a posibilidade de establecer axudas temporais ao sector, debido a que moitos barcos terán que parar a súa actividade por esta decisión de Bruxelas, Planas indicou que o Goberno "non está aí", sinalando que na actualidade está centrado no recurso xurídico e nas negociacións coa Comisión para reducir o impacto da norma.

Pescadores
Pescadores | Fonte: arquivo

INCERTEZA

O presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela, Basilio Otero, lamentou a "incerteza" que existe no sector en relación ás zonas que non quedan acoutadas co veto da Unión Europea á pesca de fondo.

"Non temos claro cales son os puntos de referencia, de feito houbo algunha reunión entre España, Portugal, Francia e Irlanda para pór unhas situacións comúns", dixo Otero, que lembrou que "Bruxelas mandou a situación en decimais e non sexaxesimais", que é como operan os barcos españois.

O patrón maior de Burela incidiu en que "hai algunha dúbida" neste sentido "e exponse outra que é o regulamento base que fala de previsións entre 400 e 800 metros", mentres que "cinco dos sete polígonos, ou áreas de pesca, están por baixo deses 400 metros íntegros". "Temos que saber si iso se aplica ou non. Hai moita incerteza a catro días de que entre en vigor o veto", queixouse.

A partir do próximo día nove aplicarase esa prohibición, aínda que Otero dixo descoñecer se quedarán moitas embarcacións en porto, aínda que deslizou que probablemente "non" polo "temor a algún tipo de sanción". "Traballarán en lugares máis afastados desas zonas", deduciu.

En canto aos espazos afectados, o patrón maior dixo que "é unha barbaridade, e non polo grande da superficie, se non que é unha barbaridade e un sen sentido porque non hai informes científicos suficientes, non hai absolutamente nada que avale esa decisión". "É todo un sen sentido, que o único fin que persegue é facer desaparecer a pesca dalgunhas zonas", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta