Conta atrás para coñecer o poema gañador do ‘Premio de Poesía Florencio Gurriarán’

Na gala que terá lugar o sábado 22 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, e que presentará o activista cultural Anxo Baranga, homenaxearase á comunidade educativa e o seu papel nas Letras Galegas.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 11/10/2022 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

Neste ano tan especial, no que Córgomo festexou por fin que o Día das Letras Galegas se lle dedicaba ao seu veciño, Florencio Delgado Gurriarán, a gala do premio de poesía que leva o seu nome será presentada por Anxo Baranga, un “aliado clave das Letras de Florencio e da dinamización cultural de Córgomo”.

Anxo Baranga coas fillas de Florencio D. Gurriarán (Córgomo). Foto: As Letras de Florencio
Anxo Baranga coas fillas de Florencio D. Gurriarán (Córgomo). Foto: As Letras de Florencio

O polifacético artista, que vive dacabalo de Barcelona e Córgomo, tivo un problema de saúde que o apartou este verán do frenesí cultural da vila impedíndolle incluso participar en actividades das ‘As Noites de Florencio’. Por sorte, todo evolucionou ben e Anxo Baranga terá agora a oportunidade de participar como mestre de cerimonias neste importante evento.

A gala homenaxeará á comunidade educativa e lembrará o seu papel nas Letras Galegas. O sábado 22 de outubro ás 20:30 h. no transcurso do acto participarán como copresentadores alumnado do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras que xa prepara as súas pezas coa dramaturga Amparo de Dios. Pero tamén estarán alumnado do CEIP Julio Gurriarán do Barco, premiado pola RAG, interpretando algunhas adaptacións musicais de poemas de Florencio; e o IES Marco do Camballón de Viladecruces que estrearán a canción e o videoclip do proxecto ‘O poeta que baila’ que gravaron co músico Xabier Díaz.

POEMAS FINALISTAS E POEMA GAÑADOR

Un total de 180 poemas presentáronse ao IV Premio de Poesía Florencio Gurriarán, creacións que o xurado está xa a valorar tendo de prazo ata o vindeiro 17 de outubro, data na que se coñecerán os 5 finalistas.

Cartel
Cartel

Os autores e autoras finalistas terán a oportunidade de recitalos na gala así como tamén pasar unha fin de semana de convivencia en Valdeorras coñecendo a terra de Florencio Delgado Gurriarán.

O poema gañador, que recibirá un premio en metálico de 3.000 euros, desvelarase no transcurso da gala.

O acceso ao evento, o sábado 22, é libre ata cubrir aforo e a organización convida a toda a comarca e quen máis queira achegarse que se sume a esta celebración da poesía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta