Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 16:06
O vicepresidente primeiro da Xunta e responsable da área económica do Executivo autonómico, Francisco Conde, esgrimiu que a visita a Inditex realizada o pasado martes pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, constitúe "unha emenda á totalidade do propio programa" da formación nacionalista.
En rolda de prensa, tras o Consello da Xunta, apuntou que resulta "difícil entender a permanente contradición" dos nacionalistas galegos "entre o que pensan e o que fan". "Se a política do BNG levase á práctica en Galicia non habería seguramente moitas grandes empresas que visitar", advertiu.
E a continuación, engadiu que, se o BNG deixase de "pór trabas ao progreso económico e á creación de emprego", probablemente a situación de Galicia "sería distinta". "Pero iso xa forma parte da responsabilidade do BNG", resolveu.
VISITA POLÉMICA
Pontón realizou o pasado martes unha visita a Inditex que foi obxecto de polémica e de críticas en redes sociais polos populares, pero tamén resultou mal acollida por algúns militantes e simpatizantes da formación nacionalista.
Na súa visita, a dirixente do Bloque destacou "a importancia" de contar en Galicia "cunha empresa referente a nivel mundial" como a multinacional téxtil. Percorreu a sede da compañía guiada polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e acompañada por membros da formación frontista como o portavoz na Coruña, Francisco Jorquera, e a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.