O BNG reclama aumentar as políticas sociais, en vez de o gasto miliar, e pide que o imposto ás enerxéticas sexa permanente

Demandou este xoves ao Goberno reformas estruturais "imprescindibles" como a nacionalización das grandes eléctricas e defendeu a creación dunha empresa pública galega de enerxía

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou este xoves ao Goberno reformas estruturais "imprescindibles" como a nacionalización das grandes eléctricas e defendeu a creación dunha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa propia como país produtor excedentario. "A enerxía é un ben esencial e debe estar baixo control público", engadiu.

No Congreso, Rego sinalou a necesidade de aumentar as políticas sociais, no canto do gasto militar, para paliar as consecuencias da crise xerada pola escalada de prezos. "Dicían que non era posible un imposto ás enerxéticas, á banca e ás grandes fortunas -tal e como defendía o BNG- ata que o foi, aínda que sexan aplicados de maneira parcial e temporal", dixo Néstor Rego, que insiste na necesidade de que esta medida sexa permanente.

O deputado nacionalista recriminou que o Goberno español estea a vender o tope do prezo do gas no mercado almacenista como un éxito, obviando que "ese tope o acaban pagando os consumidores, pois está a ser repercutido na factura eléctrica", o que considera "un engano".

Pola contra, o deputado do BNG defende "algo tan elemental e eficaz como establecer un tope aos combustibles e á electricidade aos consumidores finais á conta dos beneficios escandalosos das grandes enerxéticas".

Para a organización nacionalista, ademais, son urxentes outras medidas de carácter social como a subida do Salario Mínimo Interprofesional conforme á inflación e das pensións mínimas.

GASTO MILITAR

Por outra banda, os nacionalistas foron críticos co gasto militar. "O BNG ten claro que é prioritario reforzar as políticas sociais no canto de incrementar o gasto militar", dixo Rego, criticando que "nun contexto de extremas dificultades económicas, destínense máis de 27.000 millóns" a este fin.

"Renuncien a alentar a escalada belicista dunha Unión Europea cada vez máis subordinada aos Estados Unidos e a unha OTAN que irresponsablemente anuncia manobras con armamento nuclear e aposten pola vía diplomática, do diálogo e a negociación para pór fin á guerra canto antes", reclamou o deputado do BNG.

Néstor Rego. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Néstor Rego. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta