Inditex e o BNG, as contradicións dunha fronte que aspira a gobernar un país

Beiras, Anxo Quintana e, agora, Ana Pontón, todos eles en calidade de voceiros nacionais do BNG, acudiron as instalacións de Inditex. E os tres tiveron rexeitamento interno dunha parte da organización frontista, sobre todo, da máis politizada e sindical. Por que esa masa militante da esquerda nacionalista, que non é pouca, diverxe sempre desas estratexias cociñadas na dirección para aproximarse aos poderes económicos e mediaticos do país?.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 19/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"É bastante surreal que, estando eu na Executiva do BNG, tenha que saber disto polo Twitter. Em qualquer caso, que fique claro que este tipo de iniciativas unilaterais nom som compartidas por toda a sua direçom e muito menos por toda a militáncia". Este tuit de Breixo Lousada, responsable da Área de Movementos Sociais da Executiva do BNG sobre a visita de Ana Pontón ás instalacións de Inditex iniciaba un incendiario debate nas redes sociais entre a militancia nacionalista. Un debate que é raro de ver nunha organización afeita a varrer na casa todo tipo de discrepancias públicas.

Amancio Ortega, con 81 anos, deixou todos os cargos en Inditex
Amancio Ortega, con 81 anos, deixou todos os cargos en Inditex | Fonte: @TVGalicia

A reflexión de Lousada non é baladí e vai con carga de profundidade. O seu autor sabía ben o que dicía, para quen o dicía e por que o dicía. É unha reflexión en voz alta dun integrante da Executiva que ve que as decisións de calado do BNG xa non se discuten nos máximos órganos de decisións da formación frontista. "Nós seguiremos trabalhando internamente contra esta deriva, mas é bom que se saiba que nem a visita nem por suposto a mensagem que ali se lançou partírom dumha decisom colectiva de nengum organismo do BNG, o que fai que seja ainda mais grave", engadía noutro tuit.

Breixo Lousada é militante de Isca! e do Movimento Galego ao Socialismo, o único grupo organizado, xunto coa maioritaria Unión do Pobo Galego (UPG), que ficou no BNG despois da gran escisión de Amio. Un grupo que a súa vez xurdiu dunha división máis escorada á esquerda da comunista UPG. Por iso, os seus militantes son dos máis combativos do Bloque en canto a ortodoxia política e organizativa.

Ana Pontón visita as instalacións de Inditex cos máximos dirixentes da empresa
Ana Pontón visita as instalacións de Inditex cos máximos dirixentes da empresa | Fonte: BNG

Unha ortodoxia que segue vinculada máis coas "clases traballadoras" que coas "clases burguesas ou oligarcas" galegas, e que tamén partilla boa parte da militancia nacionalista da rama sindical, maioritariamente afiliada á UPG, o mesmo partido no que tamén milita Ana Pontón. Polo tanto, o debate aberto en redes sociais por Breixo Lousada, e no que participaron diversos militantes nacionalistas, enfrontou a esa parte "sindical" e "politizada" do BNG con esoutra máis "institucional".

De feito, o mesmo día da polémica, o Movemento Arredista, no que tamén está o propio Lousada, publicaba diferentes tuits nos que deixaba clara a súa posición. "(...) Non é certo, e independentemente de que sectores da pequena burguesía poidan sentirse interpelados polo proceso de liberación nacional, debemos ter claro a quen nos diriximos e quen será o motor da nosa emancipación como pobo: a inmensa maioría que vive do seu traballo", publicaba.

A POSTURA DA CIG

Aínda que non publicamente, a opinión expresada por Breixo Lousada é partillada por boa parte de sindicalistas da CIG, un sindicato fortemente vinculado ao Bloque. De feito, este sindicato é un dos que máis presenza ten nas empresas do grupo Inditex. Carmiña Naveiro, presidenta do Comité de Empresa en Zara e representante da CIG-Servizos, ou Roberto Pérez, delegado da CIG en Inditex, teñen criticado abertamente e en público a precariedade laboral desta multinacional téxtil. "Na CIG hai un gran rexeitamento ao todo o mangoneo de Inditex. Ou estamos cos traballadores ou estamos cos patróns", indican fontes consultads deste sindicato.

A CIG ten organizado protestas diante das portas de Inditex para reclamar que se mantiveran os dereitos das traballadoras trasladadas por peche de tendas e tamén polo ERTE aplicado por empresas subcontratadas, como as da limpeza. "Non somos un complemento do departamento de recursos humanos da empresa", sinalaba Roberto Pérez nunha reportaxe no xornal Público. "Os traballadores saben que o noso sindicato significa compromiso e eficacia, que non nos dedicamos ao politiqueo e que nunca asinamos acordos que non supoñan beneficios para eles".

E é que parte do sindicalismo da CIG pide máis contundencia dende o ámbito político contra esta empresa. Algo que fai con moita virulencia, nos últimos tempos, formacións como Unidas Podemos,mesmo con voces como a do ex vicepresidente e líder desta formación, Pablo Iglesias, ou as ministras Yolanda Díaz ou Ione Belarra, moi críticos cos beneficios desta multinacional á que critican por "destinar unha parte ínfima do seu diñeiro a financiar a sanidade pública cunha fundación para ter máis beneficios fiscais".

A VISIÓN DE GOBERNAR UN PAÍS

Con todo, esta visión sindical non é maioritaria no BNG e, moito menos, na Executiva nacionalista. Nos ultimos tempos a contorna de Ana Pontón quere presentala como unha líder sólida, sen complexos, e que sexa vista polo sector empresarial e económico do país como unha interlocutora válida coa que, chegado o caso, se poida falar se chega a ser presidenta de Galicia. "Iso é algo que ten moi claro tanto Ana como a maior parte da Executiva", indican fontes próximas á voceira nacional que insinúan que a opinión de Breixo Lousada é "moi minoritaria".

A postura de Ana Pontón non é nova. Segue o mesmo camiño que no seu día tamén seguiron os seus predecesores no cargo, primeiro Xosé Manuel Beiras, e despois Anxo Quintana. Os tres coinciden na necesidade de presentar ao Bloque coma unha formación con capacidade de gobernar para todos os sectores do país, tanto das e dos traballadores como do empresariado. De aí, a necesidade de entrevistarse cos dirixentes da maior empresa de Galicia, Inditex.

"Ao final Ana o que fai e o que xa fixeron no seu día tanto Beiras como Quintana e que foi amplamente respaldado polas súas executivas", indica un ex dirixente e alto cargo do BNG durante o bipartito. "Se queremos gobernar temos que estar e falar con todos. Non se pode repenicar e andar na procesión", di sobre as críticas de certos sectores.

"Sempre houbo xente, principalmente da CIG, moi crítica coas políticas que o BNG impulsaba desde a Xunta, pero se queremos gobernar e ter a Presidencia deste país temos que ser prácticos. Para facer oposición da oposición xa están os de Podemos", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Venancio

Aflora unha enorme contradición na organización antes de gobernar. De novo xa se venden sen tocar o poder. Están entregadas e rendidas diante dos amos do capital, logo non esperemos que batallen polos traballadores. O feito da visita é claro, a mensaxe ou relato da visita que assinou Ana Pontón no Twitter un escándalo. Que este BNG acade o poder da Xunta non vai mudar nada para a ampla maioria de galegas. Tomamos nota. Que unha semana antes estaban celebrando con La Voz de Galicia e o Borbón. Nada é casual. De o cambio de Podemos foi un timo no poder, e tratan de maquillalo facendo oposición dos colegas de conselho de ministros, o BNG xa se vendeu antes de chegar. Nada que agardar.