Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 21/10/2022 | Actualizada ás 10:26
'Unicorn Wars', a nova película do ilustrador coruñés Alberto Vázquez que narra o ancestral conflito bélico entre unicornios e osos amorosos chega aos cinemas este venres tras o seu éxito no Festival de Sitges.
A nova cinta do triplo gañador do Goya forma parte das películas que chegan ás pantallas este venres. 'Unicorn Wars' reflexiona sobre o belecismo a través da historia dos irmáns Azulín e Gordi, dous recrutas do bando dos osos no conflito ancestral que manteñen cos unicornios.
O esperado regreso ás pantallas do multipremiado director herculino prodúcese nun momento de guerra en Europa, algo que, segundo recoñece o propio cineasta, non se imaxinaba que podería chegar a ocorrer cando botou a andar a rodaxe da película fai seis anos. "Parece que é algo propio do ser humano o uso da violencia e o feito de cometer erros cíclicamente", apuntou o tres veces gañador do Premio Goya, segundo recolle unha nota de prensa.
O conto antibelicista de Alberto Vázquez é a súa segunda longametraxe tras 'Psiconautas, os nenos esquecidos', que levou o Goya á mellor película de animación en 2017, ano no que tamén levou o 'cabezón' por 'Decorado' na categoría de curtametraxe de animación, na que venceu cinco anos antes con 'Birdboy'.
Producida por Uniko, Abano y Autour de Minuit coa música de Joseba Beristain e as voces de Ramón Barea e Itxaso Quintana; a película fala "sobre a orixe do mal" e "a orixe común de todas as guerras", así como do manexo da opinión pública pola propaganda e a relixión "para que os conflitos perduren". "En realidade, a guerra entre ositos e os unicornios sería a única guerra que debería existir", sinalan os promotores da película, que terá a súa 'premiere' na Sección Oficial do festival de animación máis importante do panorama internacional, o da localidade francesa de Annecy.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.