Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2022 | Actualizada ás 13:48
O consello de administración da Autoridade Portuaria aprobará este martes, entre outros asuntos, o convenio que regula a plataforma flotante do Parrote, na Coruña, cuxa construción o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, situou entre "o segundo semestre de 2023 e algo de 2024" para a súa apertura ese mesmo ano, de poder ser na primavera.
O tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, que se incorpora este martes como representante da Xunta neste consello, apuntouno así na visita que fixo á zona, xunto ao presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, que aludiu, á súa vez, aos prazos de apertura.
Calvo, que no consello de administración ocupará o posto da anterior secretaria xeral de Medios do Executivo autonómico, Mar Sánchez, destacou que nos orzamentos do Goberno galego para 2023 está incluída unha partida para esta área "nova" de actividades náutico deportivas.
Pola súa banda, Fernández Prado explicou que se trata dun proxecto deseñado entre o Executivo autonómico e o Porto cun custo "ao redor do tres millóns de euros". A plataforma flotante do Parrote albergará unha zona de baño e outra para tomar o sol, unha área lúdica con tobogáns e trampolíns e un espazo que permitirá a práctica de actividades deportivas como o remo ou o paddle surf. Este verán, o baño estivo permitido nun lugar delimitado por balizas que contou coa vixilancia de socorristas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.