Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 13:53
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, confirmou que en 2023 non haberá 'tarxeta moedeiro', no entanto, a Xunta ten previstas "outro tipo de medidas" de apoio ás persoas vulnerables acondicionadas á situación actual.
Parrado explicou que o 'cartón moedeiro' foi "unha axuda excepcional para unha situación excepcional de pandemia" e en 2023, "vendo como vaia a situación" poñeranse a disposición "todos aqueles recursos necesarios" para que as persoas vulnerables poidan ter cubertas as súas necesidades. "Hai que pór solucións no momento".
Así o manifestou tras a presentación este mércores na Coruña dun convenio de colaboración con Cruz Vermella de acompañamento e apoio a persoas en situación de vulnerabilidade extrema.
INCREMENTO DO ORZAMENTO
Os orzamentos da Xunta para o próximo ano, segundo destacou, inclúen "medidas orientadas a estas circunstancias". "Incrementamos de forma considerable as axudas de inclusión social, en importe imos pasar de catro a cinco millóns de euros". O secretario xeral lembrou que o 'cartón moedeiro' tivo unha duración de dous anos --desde o 1 de xuño de 2020 até o 30 xuño de 2022-- e un investimento "importante" de máis de 40 millóns de euros.
As persoas recibían entre 450 e 900 euros, segundo a carga familiar, para poder comprar alimentos, produtos de hixiene e necesidades básicas. "Había que dar cobertura de forma inminente e no menor tempo posible, agora estamos nunha situación distinta", puntualizou. Segundo o coordinador autonómico de Cruz Vermella, Joaquín Varela, en Galicia repartíronse "máis de 58.000 cartóns", cifra que supón "un mínimo de 30.000 persoas" beneficiadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.