Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2022 | Actualizada ás 10:00
Se che gusta o sendeirismo, estás de noraboa. O Camiño do Conde é o nome dunha nova ruta que vén de nacer ao longo da Costa da Morte. Trátase dun percorrido histórico e etnográfico que parte do Faro de Fisterra e remata en Malpica, pasando por Cee, Berdoias, Vimianzo, Baio e Corcoesto. Son un total de 115 quilómetros divididos en seis etapas.
Estas vilas, explica a conta de Facebook 'O Camiño do Conde' que se encarga da súa difusión, aínda conservan un rico patrimonio e nelas, poucas cousas cambiaron. "Historia en pedra reflectida en dolmens, castelos, valados, patios, castelos, torres, pontes, pazos, casas, eiras, muíños, igrexas, aldeas... e centos de hórreos", sinala a organización.
Así, o sendeiro procura rescatar a historia dos Condes de Traba e de Altamira que dominaban na Idade Media as terras do Trásmara, como así denominaban á Costa da Morte. "Co paso do tempo, os seus descendentes uníronse ás diferentes familias locais e repartiron a terra dando lugar a unha nova clase social, os fidalgos, que gobernaban pequenos coutos arredor dunha casa forte herdada de xeración en xeración. Para alimentar todo este sistema, coma sempre, os campesiños deron o mellor de si para ter as mellores colleitas", explícase na páxina de Facebook.
O Camiño do Conde é, en definitiva, unha oportunidade para viaxar a través do tempo e tamén para achegar a estas vilas un novo reclamo turístico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.