Pontevedra exporta a súa experiencia de loita contra o cambio climático

Unha delegación viaxará a Vitoria para establecer liñas de colaboración e de intercambio de ideas

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2022 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

Compartir coñecementos, experiencias e estratexias sobre renaturalización e loita contra o cambio climático cunha ‘green capital’ que, ao igual que Pontevedra, decidiu converterse en referente nacional dun modelo de cidade sostible e que aposta polas infraestruturas verdes e azuis.

O concellerio de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes - Concello de Pontevedra
O concellerio de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes - Concello de Pontevedra

Estes son algúns dos principais obxectivos cos que esta semana viaxará a Vitoria unha delegación pontevedresa encabezada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e da que tamén formarán parte a edil de Turismo, Yoya Blanco; o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns e responsable do proxecto Rede Verde, Manuel Fontán, e o director do departamento de Enxeñería Civil da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña (UDC), Alberto Varela.

Deste xeito, o Concello de Pontevedra e a UDC buscan establecer liñas de colaboración e de intercambio de ideas cunha cidade que está a avanzar na mesma dirección e que conta con varios proxectos subvencionados pola Fundación Biodiversidade. A estadía en Vitoria desenvolverase durante as xornadas do xoves 10 e o venres 11 de novembro, cunha axenda que incluirá reunións técnico-políticas e visitas a varias infraestruturas verdes de interese.

“Esta viaxe a Vitoria servirá para coñecer de primeira man as propostas e experiencias dunha urbe que, ao igual que nós, decidiu apostar por un modelo de cidade verde e sostible, así como para amosarlles algunhas das ambiciosas e pioneiras actuacións que imos executar nos eidos da renaturalización e a resiliencia”, sinala o concelleiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta