Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/11/2022 | Actualizada ás 14:37
O sindicato CNT interpuxo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia unha demanda en materia de conflito colectivo contra o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Esta demanda incide na situación de temporalidade do persoal do Consorcio, "que está a ser obxecto dun prolongado conflito laboral" apuntan desde a forza sindical.
O conflicto está baseado, segundo a CNT, "na especial problemática de discriminación indirecta por razón de sexo que sesga a situación de temporalidade do servizo, pois afecta a unha porcentaxe superior ao 90% de mulleres". Esta porcentaxe sería moi superior á temporalidade na Xunta de Galicia, que se sitúa nun 70% de mulleres e un 30% de homes.
A CNT sinala que esta política discriminatoria do Consorcio estase aplicando con criterios arbitrarios e aparentemente neutrais que "xerarían un efecto adverso sobre as mulleres". En concreto, desde a central sindical apuntan que a convocatoria a través de contratación temporal no ano 2007 de toda a estrutura do Consorcio “supuxo un agravio para as mulleres, que son o 90% do persoal, xa que accederon a un emprego precario e as súas condicións de traballo son temporais en lugar de ser estables",
Isto tamén afecta á súa protección fronte ao despedimento e "poden ser cesadas pola cobertura das prazas as que accederon por concurso-oposición por persoas que só teñen que acreditar méritos, dos que o 70% corresponde a antigüidade". O Consorcio creouse en 2007.
Toda esta situación, apuntan, estarían a incumprir normas legais fundamentais en materia de igualdade, como poden ser "a directiva europea de igualdade de oportunidades e igualdade de trato entre homes e mulleres en asuntos de emprego e ocupación, a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, a Carta Social Europea e as leis españolas para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, a igualdade de trato e a non discriminación".
A sección sindical da CNT no Consorcio tamén rexistrou unha petición ás vicepresidentas da Comisión para a Igualdade do Parlamento de Galicia para que traten este asunto no seo da citada comisión e citen a comparecer ante ela ao xerente do Consorcio, o señor Perfecto Rodríguez Muiños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.