Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2022 | Actualizada ás 16:39
O proxecto de divulgación da música e poesía galego-portuguesas actuais, aRi[t]mar, conta desde este mércores coa súa propia web, a través da cal pretende dar visibilidade aos artistas que participaron no certame que se organiza desde o ano 2016.
Esta plataforma en liña, Play.aRi[t]mar, está impulsada pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Así, o seu obxectivo é "ser un lugar de encontro da cultura galego-portugesa" e no pódese atopar máis de 100 cancións e poesías de autores como Guadi Galego, Sés, Manuel Rivas ou Ana Moura.
No acto de presentación da web participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que subliñou a vontade deste proxecto para "desestacionalizar o proxecto, máis aló da gala que se celebra anualmente no marco do festival de música Maré".
Así mesmo, engadiu que "esta ferramenta axuda a achegarse á creación cultural en galego e portugués aos máis novos", e que "a xente que visite o sitio poderá atopar calquera estilo de música ou poesía que lle guste, porque hai moita variedade".
MATERIAL QUE "ESPERAN IR AMPLIANDO"
Ademais, o director da EOI, Gonzalo Constela, fixo fincapé no valor educativo da web que "se ofrece como unha ferramenta que os centros de ensino poden usar de forma didáctica". Así, destacou que o portal conta con música, letras e videopoemas, un material que "esperan ir ampliando".
A web, á que xa se pode acceder desde calquera navegador, está deseñada a nivel visual como unha aplicación, pero conta "con todas as vantaxes e flexibilidade propias dunha web", segundo explicou o deseñador da plataforma, Daniel Mago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.