Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/11/2022 | Actualizada ás 18:00
A primeira das citas do Outono Códax desta semana será este mesmo mércores e terá como protagonista ao músico sueco Jesper Lindell, que chegará a Santiago acompañado por The Harrycane Orchestra. A crítica especializada ten escrito del que está chamado a escribir grandes páxinas blues e soul. Trátase dun artista que, en palabras da organización “por momentos lembra aos discos dos 70 de Van Morrison, que noutros rende tributo ao rhythm and blues de New Orleans ou ao son fronteirizo de Doug Sahm, ou que evoca a The Band, o grupo que máis lle influíu nos seus inicios”.
UN EXEMPLO DE SUPERACIÓN
Jesper Lindell é un músico feito na adversidade. Con 13 anos, cando era unha promesa do fútbol da súa cidade natal, rompeu unha perna e viuse confinado na súa habitación e sentado nunha cadeira de rodas. O seu irmán maior regaloulle unha guitarra acústica e ensinoulle un par de acordes. Cando se recuperou, decidiu deixar o fútbol pola música e formou a súa primeira banda.
En 2019 publicou o seu primeiro álbum, Everyday Dreams, que acabou sendo lanzado fóra de Suecia polo prestixioso selo Alive Natural Recordings. Cando todo semellaba a favor de corrente, cun disco debaixo do brazo e unha xira de presentación en marcha, é diagnosticado cunha enfermidade conxénita de ril que necesita dun transplante urxente. Jesper volvía ser aquel rapaz pechado no seu dormitorio prostrado nunha cadeira de rodas. Pero unha vez máis, a adversidade fíxoo máis forte. O seu pai dooulle un ril, e Jesper comezou a compoñer un novo disco durante o illamento e a recuperación.
O resultado é Twilights (2022), no que se amosa como ese “gran cantante de soul de ollos azuis” e rock clásico. Unha decena de cancións luminosas, vivas, reflexivas e cheas de alma.
BIG CHIEF ‘MONK’ BOUDREAUX, POR PRIMEIRA VEZ EN EUROPA
O xoves 17 de novembro o Outono Códax chega á sala Capitol, onde terá lugar unha gran sesión de música en directo cos concertos de Nastasia Zürcher e Carlton Jumel Smith & The Harrycane Orchestra.
O sábado 19 o Riquela Club acollerá ás 13:00 h. o concerto gratuíto da banda asturiana Honky Tonk Heels, e pola tarde a Sala Capitol será o escenario do concerto central do Outono Códax 2022. Por primeira e única vez en Europa actuará a Big Chief ‘Monk’ Boudreaux, unha lenda viva da música de Nova Orleans. Xunto ao gran xefe indio actuará na Sala Capitol –21:00 h.-- o músico, tamén de Nova Orleáns, John ‘Papa’ Gros. Abrirá a noite a banda da gaditana La Perra Blanco.
ACTIVIDADES PARALELAS
Este mércores o restaurante O Curro da Parra acolle unha cata e o venres 18 no Riquela Club –19:00 h.-- terá lugar a presentación do libro “Todo lo que importa está en las canciones” a cargo do seu autor, o xornalista e escritor Fernando Navarro.
O sábado 19 terá lugar no restaurante Flamingo a segunda cea con maridaxe, que contará coa participación musical de Mallou, o dúo formado por Sabela King e Benjamín Vázquez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.